Catro titulacións do campus de Vigo proposta da UVigo á convocatoria de Másteres de Excelencia da Xunta

Matematica industrial, acuicultura, biotecnoloxía e enxeñaría da automoción, alternativas viguesas

Aínda que nunha convocatoria interna realizada na UVigo se presentaron unha decena de mestrados, finalmente unha comisión, en base aos criterios que utilizará a Xunta para realizar a selección final, determinou que Matemática industrial, Xestión empresarial do deporte, Acuicultura, Biotecnoloxía avanzada e Enxeñaría da automoción, fosen as titulacións que concorresen á primeira convocatoria de Másteres de Excelencia da Xunta.

O proceso de selección, ao que concorren as tres universidades do SUG e no que a Xunta elixe un máximo de seis titulacións ás que outorgar o selo de excelencia, xa debería de estar resolto para o período de matriculación dos mestrados que xa está en marcha, non obstante a covid-19 adiou a resolución desta convocatoria, que recoñece a solvencia científico-técnica e a capacidade formadora das titulacións.

«A convocatoria dá un selo por cinco anos e non está asociado directamente a cursos académicos e obtelo supón poder utilizalo para atraer alumando, e unha achega de financiamento adicional por parte da Xunta», explica Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da UVigo, que incide na importancia de dispor dun selo diferenciador que, «sen dúbida, vai atraer alumnos, e pode facilitar, por exemplo, atraer profesorado externo de primeiro nivel».

A este recoñecemento, que se insire no Plan de Excelencia do SUG para o trienio 2018-2020, poden concorrer títulos de máster impartidos de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2016/17 e que continúen impartíndose na actualidade, así como títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, que conten coa autorización de impartición da comunidade autónoma.