Castrelos acolle “catro grandes concertos infantís” este verán

Cada martes, desde o 19 de xullo e ata o 9 de agosto, o público infantil e adulto poderá gozar de “Coco Tributo Musical”, “O Rei da Sabana”, “Magic Dreams” e “I love Rock&Roll

Os espectáculos comezan ás 20 horas do serán e son de balde

O alcalde avanzou en rolda de prensa a programación infantil para este verán en Vigo, que contará con catro espectáculos pensados para nenas e nenos e para gozar en familia. Celébranse cada martes, desde o 19 de xullo e ata o 9 de agosto ás 20:00 horas.

A primeira proposta chega ao escenario do Parque de Castrelos o 19 de xullo: «Coco Tributo Musical», a adaptación musical dunha historia baseada na tradición mexicana do Día de Mortos, que nos achega á vida dun mozo que soña con ser un gran músico tendo que enfrontarse á oposición da súa familia.

O segundo espectáculo terá lugar o 26 de xullo: gran musical «O Rei da Sabana», a primeira adaptación ao galego dun dos musicais máis teatrais da actualidade cun elenco de 13 solistas e un coro de máis de 20 voces en directo, nunha ambientación de gran impacto visual.

O 2 de agosto poderá gozarse o espectáculo » Magic Dreams», un tributo ás cancións infantís que combina a maxia do conto e a espectacularidade do musical con Mickey Mouse vivindo aventuras de varios contos da factoría Disney con cancións en directo, acrobacias e coreografías de vertixe.

A cuarta proposta, o 9 de agosto, é «I love Rock & Roll», un espectáculo didáctico de 60 minutos de duración con música en directo para dar a coñecer a historia do rock and roll coa interpretación de temas populares de diferentes épocas: The Beatles, Led Zeppelin, AC/ DC, Guns& Roses, Metallica, Iron Maiden ou Nirvana.

Abel Caballero lembrou que amais desde “catro grandes concertos infantís”, este verán xa están confirmados no cartel das festas de Vigo Joan Manuel Serrat o 10 de xullo, Sebastian Yatra o 13 de xullo, Love of Lesbian o 29 de xullo, Tanxugueiras o 30 de xullo, Leiva o 4 de agosto, Sting o 6 de agosto, Lola Índigo o 8, Hombre G o 14 e Raphael o 16 do mesmo mes.