A mostra abre hoxe as súas portas ao público na Casa Galega da Cultura en Vigo
O cómic abstracto travestido de animación surrealista de Rapapawn (Cynthia Alfonso y Oscar Raña). A xerarquía da estrutura visual/formal como linguaxe pictórica de José Chavete. A abstracción poética que expresa tactilidade de Julia Huete. O horizonte contemplado desde a emoción de Araceli Liste. O apropiacionismo crítico ás iconas da modernidade de Suso Fandiño. O obxecto/corpo visto desde as perspectivas de xénero de Mar Ramón Soriano. O debuxo/imaxe como xerador de paradoxos de María Silva. E os paradoxos construtivos mediante formas e escalas de Ruth Vidal. Isto é para o docente e investigador da Facultade de Belas Artes da UVigo e comisario da exposición Afinidades Selectivas: carótides e coronarias, Juan Carlos Román, o máis relevante das obras que conforman a mostra e que segundo Román «son propostas persoais; é dicir, elaboracións de subxectividade baseadas en procesos racionais e sensibles por igual«.
Desde hoxe e ata o 9 de maio a Casa Galega da Cultura acollerá a decimo segunda edición da mostra nacida na Facultade de Belas Artes e na que, como é tradición, este ano o comisario seleccionou a catro docentes, dos que coñece o seu traballo artístico e que, atendendo ás directrices da mostra, dispoñen de absoluta liberdade para elixir ao alumnado co que forman parella artística: Mar Ramón Soriano e Julia Huete; José Chavete e Rapapawn; Araceli Liste e María Silva e Suso Fandiño e Ruth Vidal.
«Existe unha particularidade que define tanto aos estudos de BBAA como aos e ás que traballamos na facultade, e é que non só se imparte o se estuda carreira de BBAA, senón que todos somos de BBAA. Ése ser BBAA, non é algo que simplemente se pode facer», asegura Juan Carlos Román.
Neste marco, Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria destaca o esforzo que se fixo este ano para realizar a mostra, respectando as medidas de seguridade implantadas por mor da Covid, «co obxectivo de manter o compromiso da UVigo coa cultura».
Caparrini lembrou a maridaxe entre alumnado e profesorado que se dá nesta mostra e afirmou que o mellor xeito que ten a institución de devolver a confianza que nela deposita a sociedade «é amosando todo o que se fai nas nosas aulas, laboratorios e centros de investigación «.
Unha metáfora do proceso vital e formativo de BBAA
Carótides e coronarias, o título da mostra, incide no proceso e/ou percorrido constante da sangue a través dun grupo de arterias co obxectivo de manter vivos, tanto o corazón, coma o cerebro. «É, polo tanto», explica Román, «unha metáfora do proceso vital e formativo que se dá na Facultade de BBA de Pontevedra. O alumnado comprende rapidamente que a Arte non é a aprendizaxe mecánica dunha serie de saberes ou técnicas, senón que a súa tarefa é a xeración de sentido a través de procesos propios e persoais que terán que ser refutados constantemente, ante os seus propios compañeiros e compañeiras, entre as e os docentes e ante a sociedade en xeral».
Para Juan Carlos Román arte é o resultado dunha aliaxe que fusiona clasicismo e romanticismo, racionalismo e expresionismo, cerebro e corazón, «de tal xeito que, no seu devir, a arte agrupa para si a representación simbólica do que somos como sociedade».
Juan Carlos Román invita ao público a que acuda á mostra con curiosidade e, sobre todo, «orgullosos e orgullosas de ter uns e unhas excepcionais artistas e posuír unha magnífica Facultade de BBAA», asegura.




