A Cidade da Cultura acolle esta instalación de realidade virtual e inmersión completa, que chega por vez primeira á Península Ibérica tras verse en cidades como Washington, Los Ángeles, Cidade de México, Montreal, Amsterdam, Cannes ou Milán
O proxecto, do oscarizado director Alejandro G. Iñárritu, explora a condición humana dos migrantes e refuxiados a través de testemuños reais de persoas que atravesaron a fronteira entre México e os EEUU
Poñerse «na pel e no corazón» dun migrante mexicano que trata de cruzar de modo ilegal a fronteira dos Estados Unidos; sentir os seus pés descalzos sobre a area; a escuridade do deserto e a persecución das forzas policiais. Todo isto é posible grazas a ‘Carne y Arena, unha instalación de realidade virtual do oscarizado director Alejandro G. Iñárritu, que chega por primeira vez a España para permanecer durante os meses de verán na Cidade da Cultura, onde un reducido grupo de persoas poderá vivir diariamente esta premiada experiencia.
Deste xeito, e como sinalaba o conselleiro de Cultura Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, no acto de presentación, “Galicia se converte no primeiro punto da Península que ten a oportunidade de acoller esta instalación que conxuga unha dimensión tecnolóxica seguramente nunca antes vista en España e unha calidade artística avalada pola Academia de Hollywood ou o Festival de Cine de Cannes, onde se presentou en 2017 como o primeiro proyexto de realidaded virtual estreado neste certame”.
O proxecto, producido por Legendary Entertainment, Emerson Collective e Fondazione Prada, en colaboración con PHI Studio, chega á nosa Comunidade da man da plataforma cultural 90_20, e se encadra na programación do Xacobeo 21-22. Trátase dunha iniciativa de dimensión internacional que visitou xa grandes cidades como Milán, Amsterdam, Montreal, Dallas, Washington D. C., Los Ángeles ou Cidade de México, e que, no caso de Galicia, como afonda o conselleiro, “nos conecta especialmente coa nosa realidade local, co noso pasado, xa que a emigración na procura dunhas mellores condicións de vida foi a triste realidade á que tiveron que enfrontarse milleiros de galegos e galegas ao longo da historia”.
Explorar a condición humana
Neste sentido, o director, Alejandro G. Iñárritu –Amores perros (2000), 21 gramos (2003), Babel (2006), Biutiful (2010), Birdman (2014) ou The Revenant (2015)-, sinala que durante o desenvolvemento do proxecto, puido coñecer e entrevistar a moitos inmigrantes e refuxiados mexicanos e centroamericanos: “As súas historias de vida perseguíanme, así que convidei a algúns deles a colaborar comigo”.
“A miña intención era experimentar coa tecnoloxía para explorar a condición humana nun intento por romper coa ditadura do encadre e permitir así ao visitante unha experiencia directa, camiñando nos pés do inmigrante, por debaixo da súa pel, e dentro do seu corazón”, subliña, antes de engadir que, “durante esta experiencia, realista e irreal a un tempo, o noso cerebro e a maioría dos nosos sentidos póñense a proba”.






Camiñar nos pés das persoas refuxiadas
Nesta experiencia, os participantes experimentan en profundidade un fragmento das viaxes das persoas refuxiadas. Deseñada como unha travesía en solitario para unha persoa, xira arredor dunha secuencia de realidade virtual experimentada por tres visitantes simultáneos en salas separadas, con tecnoloxía inmersiva de vangarda. ‘Carne y Arena’ crea un espazo multinarrativo de luz con personaxes humanas e secuencias de extremo realismo que trasladan ás persoas visitantes, descalzas sobre a area, a un escenario de persecución a través do deserto.
Termos como “rompedora”, “brillante”, “conmovedora” ou “unha das primeiras obras mestras de realidade virtual” foron algúns dos cualificativos que ‘Carne y Arena’ recibiu durante a súa xira internacional por cabeceiras como The New York Times, Forbes ou o Washington Post.
Entradas limitadas
Polas especiais e exclusivas condicións da instalación, con capacidade para acoller a só tres visitantes por quenda –e un total de 75 por día–, as prazas son moi limitadas. As entradas para as sesións do mes de xullo están á venta a un prezo de 9 € máis gastos de xestión, a través de Ataquilla.
A entrada non está permitida a menores de 14 anos e tampouco recomendada a persoas con problemas cardíacos, problemas lumbares, antecedentes de convulsións, epilepsia ou sensibilidade ás luces intermitentes. Recoméndase consultar previamente toda a información sobre as condicións de acceso na web da Cidade da Cultura.
LUGAR
Andar 1 do Museo Centro Gaiás (Cidade da Cultura).
DATAS
Do 1 de xullo ao 18 de setembro de 2022.
HORARIO
De martes a domingo. De 10:20 a 14:40 horas // De 16:00 a 20:00 horas.
PÚBLICO
Maior de 14 anos.
ADVERTENCIAS
A experiencia non se recomenda a persoas con claustrofobia, problemas cardíacos, problemas lumbares, antecedentes de convulsións, epilepsia ou sensibilidade ás luces intermitentes. A actividade só pode realizarse descalzo e as condicións de temperatura e humidade da sala serán as acaídas para que a experiencia sexa propicia, podendo ser algo extremas en comparación coas habituais das salas expositivas.
Prégase confirmar as condicións concretas do acceso antes de efectuar a compra da entrada.
ENTRADAS
9€ + gastos de xestión (cos descontos habituais). A través de Ataquilla.com