Cangas recibe o bus de ‘Galicia non para!’ e os veciños aproveitan para trasladarlle as súas inquedanzas ao presidente Rueda

Entre as moitas conversas, varios cangueses comentáronlle ao líder dos populares galegos o seu desexo de contar cun Centro Integral de Saúde e lamentaron que o Concello aínda non cedera os terreos

O municipio de Cangas do Morrazo recibiu onte o autobús de ‘Galicia non para!’ e, coma sempre, os veciños e veciñas aproveitaron para trasladarlle as súas inquedanzas ao presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, mentres tomaban algo con el.

Ao carón do autocar, que estivo por primeira vez na península do Morrazo, o líder dos populares galegos tivo a oportunidade de recibir o agradecemento da veciñanza polas medidas que está a implantar o Goberno galego.

De feito, os Orzamentos da Xunta de 2024 contemplan investimentos por 11,4 millóns nesta comarca para, por exemplo, as melloras na lonxa e na nave de deportes náuticos de Aldán (720.000 €).

O balance desta xornada, algo nubrada pero con moita afluencia de xente no paseo marítimo, foi moi positiva. Do mesmo xeito que o presidente do PPdeG deu as grazas aos cangueses polo seu constante apoio, estes tamén lle puideron comentar os seus proxectos e as súas preocupacións.

Entre estas cuestións, foron varios os veciños que lle trasladaron a Alfonso Rueda o seu desexo de contar cun Centro Integral de Saúde e lamentaron que o Concello —desde 2018— aínda non cedera os terreos. Precisamente, a Consellería de Sanidade vén de abrir en Lugo o primeiro CIS de Galicia, pero este podería ter sido o de Cangas se os últimos gobernos tiveran mostrado interese.

Así mesmo, algún dos asistentes apuntou á necesidade de seguir optimizando o saneamento da ría.

E como vén sendo habitual dun tempo a esta parte, Alfonso Rueda constatou unha vez máis a indignación que está a produciu entre os galegos a investidura de Pedro Sánchez. Por iso quixo comentarlle aos veciños que se achegaron que, do que el dependa, Galicia seguirá sendo unha “illa de estabilidade” dentro de España.

Alfonso Rueda segue en ruta

Tras os exitosos encontros que previamente mantivera coa veciñanza de oito concellos —Silleda, Portomarín, Porto do Son, Bande, Cuntis, Malpica, Sober e Ames— o presidente Rueda segue así afondando nos problemas reais dos galegos, as súas impresións, suxestións e inquedanzas.

Algo para o que tamén se puxo en marcha a páxina web rueda.gal; a través da cal todo aquel que o desexe poderá trasladarlle ao presidente Alfonso Rueda todo aquilo que lle preocupa, que vai ben e o que é posible mellorar.

Deste xeito, aquelas persoas que non poidan achegarse de xeito presencial aos lugares onde estea instalado o autobús de ‘Galicia non para!’, poderán facer chegar as súas suxestións a través da web (á que se pode acceder tamén a través dun código QR impreso nos posavasos que se reparten no autocar).

Ao longo dos vindeiros días, o autocar continuará a súa viaxe por diversos concellos das catro provincias galegas.