Campus Remoto supera os 2,5 millóns de conexións e Moovi os 4 millóns de notificacións con 185.000 matrículas activas en cursos

As plataformas da UVigo entraron en funcionamento en pandemia para garantir da docencia

Ano e medio despois da súa posta en servizo, o Campus Remoto da Universidade de Vigo superou os 2,5 millóns de conexións, mentres que o portal de teledocencia Moovi, que iniciou a súa actividade no comezo do curso 2020-2021, suma a día de hoxe 185.044 matrículas en cursos activo.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

A suspensión da actividade docente presencial por mor da covid-19 en marzo do ano 2020, levou á institución académica viguesa a poñer en marcha Campus Remoto, un “xemelgo dixital” da propia Universidade, no que están representados os seus diferentes servizos, facultades e escolas. Xerado sobre unha plataforma propia baseada en código aberto Big Blue Button (BBB), Campus Remoto suma día de hoxe 2603 aulas e 2895 despachos creados, nos que se realizaron case 17.000 gravacións de clases, vídeos educativos e actos académicos.

“Desde a súa posta en servizo, rexistráronse 26.134 usuarios e usuarias autenticados, entre persoal docente e alumnado matriculado. Ademais destes hai moitos usuarios ‘sen autenticar’ que o utilizan de xeito esporádico nas salas públicas para eventos como congresos, reunións de persoal investigador e lecturas de teses de doutoramento”, detalla José Luis Míguez Tabarés, vicerreitor de Planificación e Sostenibilidade da UVigo.

Pola súa banda, Moovi, o portal de teledocencia baseado na última versión dispoñible de Moodle, totaliza 185.044 matrículas en cursos activos e un total de 31.832 usuarios e usuarias diferentes.

A isto se engaden 4 millóns de notificacións dentro do portal, que son basicamente dous tipos: mensaxes que os docentes envían ao alumnado e mensaxes xerados automaticamente por Moovi, por exemplo, un recordatorio da data de entrega dun exercicio dunha materia.

Así mesmo, o portal de teledocencia que substitúe a FaiTic rexistra a día de hoxe 5353 instalacións da app de Moodle, ao tempo que se enviaron preto de un millón (947.000) notificacións a dispositivos móbiles. “Isto amosa a estupenda acollida do alumnado a esta versión dixital nos seus dispositivos móbiles, tipo smartphone para seguir a docencia e as notificacións que se envían”, valora do vicerreitor.

Melloras en Campus Remoto que atenden as demandas das persoas usuarias

Transcorridos 18 meses desde a súa entrada en funcionamento, Campus Remoto segue a incorporar melloras, desta volta atendendo as peticións formuladas polas usuarias e usuarios, en especial o persoal docente. “Desde hai uns días xa temos a nova versión da videoconferencia de Campus Remoto funcionando en todos os servidores de xeito estable, cunha serie de melloras claras que un bo número de profesores pedían”, explica Míguez.

As novas prestacións permiten, por exemplo, compartir son de pantalla desde Chrome, algo moi demandado nos laboratorios virtuais; así como dispor de son de alerta para as persoas moderadoras cando hai usuarios intentando entrar en salas moderadas e notificación por pantalla se a persoa usuaria intenta falar estando muteada. A estes novos servizos engádese, por unha banda, o aviso de boa ou mala conectividade a través dunha icona no lado superior da pantalla, que indica se a conexión de rede é moi mala e pode dar problemas, e por outra, melloras na reprodución das gravacións, o que permite a partir de agora seleccionar os puntos da mesma coas transparencias, igual que nos vídeos Opencast.

En relación coas novidades que xa están operativas, o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade sinala que “parte das melloras introducidas corresponden a peticións de usuarios, como compartir audio ao compartir pantalla, ou o aviso sonoro ao solicitar acceso ás salas que teñen a entrada controlada (moi demandado nos despachos do profesorado), e outras simplemente son melloras de funcionalidade para facer algunhas operacións máis intuitivas ou para facilitar a detección dalgúns problemas comúns dos que fomos percibindo, como o monitor de calidade de conexión a Internet”.

Ao ser unha plataforma baseada nunha combinación de software libre e desenvolvementos propios da UVigo, Míguez destaca a posibilidade que lles confire de ser autónomos e ir adaptando o Campus Remoto ás necesidades que se presentan dun xeito moi eficiente. “Actualmente estamos a traballar na mellora do pazo de congresos virtual, por exemplo. Este espazo está a ter unha demanda moito maior da esperada, especialmente ao non existir xa case restricións debidas á pandemia”, avanza o vicerreitor.