Caballero pon a primeira pedra das obras das ramplas da Gran Vía entre Venezuela e Praza de España

O orzamento é de 4.234.000 euros, parte deles solicitados aos fondos Next Generation do ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana

O prazo previsto das obras é de 8 meses

O alcalde de Vigo puxo a primeira pedra das obras da segunda fase das ramplas da Gran Vía, que vai desde a rúa Venezuela ata Praza de España. Será unha actuación de dúas cintas mecánicas cunha lonxitude de 150 metros. O tempo estimado para rematar as obras é de 8 meses, polo que Abel Caballero aclarou que “será unha obra relativamente rápida”.

O orzamento é de 4.234.000 euros, parte deles solicitados aos fondos Next Generation EU do ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Na primeira fase foron 5.500.000 euros, financiados a través dun proxecto EDUSI, polo que o total da Gran Vía son “cerca de 10 millóns de euros”, cifrou o rexedor.

As ramplas contarán con pavimento descontaminante e un novo xardín botánico, tanto no interior como no exterior, terán sistema de aforro enerxético e capacidade para transportar a 7.300 persoas cada hora: “Emisións de gases de efecto invernadoiro, cero. A enerxía da cidade de Vigo é toda renovable, polo tanto cero emisións e unha mobilización continua”, subliñou Caballero.

Ademais das ramplas, a humanización da Gran Vía terá novas tubaxes de saneamento, abastecemento e pluviais, nova rede soterrada de servizos (iluminación, semáforos…), novos pavimentos e beirarrúas de granito, novo mobiliario urbano, nova sinalización, rede semafórica, iluminación e dotación de innovación tecnolóxica.