Caballero pide á cidadanía un récord de participación na San Silvestre, que será matinal e con saída e meta na Porta do Sol

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, animou hoxe á cidadanía a inscribirse de xeito gratuíto na San Silvestre 2023, que pechará o ano deportivo o domingo 31 de decembro nun horario diferente ao habitual: ás 11:30 horas

O Concello, patrocinador principal do evento un ano máis, conta co apoio de varias firmas (Gadis, Decathlon, Máis que Auga, Frutas Nieves e Coca-Cola) e mantén para esta cita a filosofía de sempre: unha proba lúdica, non competitiva, e solidaria, pois de novo haberá recollida de alimentos non perecedoiros para os máis desfavorecidos, co Banco de Alimentos de Vigo como destino. Desta volta, o Concello encargou a organización á Federación Galega de Atletismo e David Posada, delegado federativo en Vigo, coordinará o evento.

“É a primeira vez que sairá da Praza da Porta do Sol, porque agora xa temos praza”, incidiu Caballero, que lembrou que “queremos superar os 12.500 participantes de 2019”, a mellor marca participativa da proba. De feito, o rexedor anunciou que a San Silvestre abría o prazo de inscrición trala rolda de prensa a través do portal federativo. Dende que o Concello levou a San Silvestre ao centro, é a segunda oportunidade que coincide en domingo (a outra en 2017 na Alameda) e desta volta optouse por aproveitar o festivo para facela pola mañá.

A San Silvestre volve catro anos despois da última de 2019. Primeiro a pandemia (2020 e 2021) e despois as condicións meteorolóxicas adversas (2022) impediron rematar eses anos correndo ou andando pero, sobre todo, gozando duns 4.000 metros cheos de cor con milleiros de persoas disfrazadas.

Para esta edición, a organización programou un percorrido diferente, con saída e meta na Porta do Sol, como estaba planeado hai doce meses. O percorrido comeza cunha pequena subida de Porta do Sol a Elduayen e baixada por Poboadores e San Francisco para conectar con Avenida de Beiramar, Teófilo Llorente, Mestre Mateo e Cánovas del Castillo, subir Carral e pasar por Marqués de Valladares, Rosalía de Castro, Pontevedra, Areal, Serafín Avendaño, Rosalía de Castro, García Barbón e Policarpo Sanz, para chegar novamente ao punto de partida.

Caballero agradeceu o apoio do tecido empresarial. “Son xentes do mundo da empresa que se involucran nas accións da cidade e singularmente na San Silvestre”, dixo. Ademais do concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e do presidente da federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, asistiron á rolda de prensa Pablo Louro (Gadis), Francisco Cortegoso (Máis que Auga) e Juan Andonegui (Frutas) xunto a Posada e ao atleta Daniel Bargiela, un dos habituais animadores da San Silvestre.

O alcalde lembrou que ademais da “parte atlética, hai unha parte festiva, familiar, con nenos e nenas disfrazadas, que convirte a proba nunha gran celebración na cidade”. Como é norma, haberá un total de nove premios: para nenas e nenos, para adultos e para os tres mellores disfraces grupais.

A organización terá o prazo de inscricións aberto ata as 14 horas do venres 29 de decembro e a recollida de dorsais, no Decathlon do Parque Comercial Meixoeiro, poderá realizarse segundo dúas quendas: as reservas feitas ata o día de Nadal ás 14:00 horas entregaranse do 26 ao 29; e as solicitudes feitas despois das 14 horas do día 25 e ata o 29, o sábado día 30 tamén no Decathlon do Meixoeiro. Correr con dorsal garante a seguridade dos e das participantes.

Para incentivar a faceta solidaria, a San Silvestre entregará un gorro de Papá Noel aos 1.500 primeiros participantes en entregar alimentos antes da saída, nas carpas do Banco de Alimentos. O meirande evento lúdico-deportivo espera pechar o ano con récord de participación e tamén de axuda solidaria.