O presidente da FEMP asegura que é urxente avanzar en cuestións como o uso do superávit, o teito de gasto ou os intereses do 0,35% que o bancos cobran aos consistorios polos seus depósitos. Abel Caballero presidiu esta mañá a Xunta de Goberno e, posteriormente, o Consello Territorial da Federación de Municipios e Provincias.
Para os gobernos locais é urxente que haxa Goberno en España o antes posible. O presidente da FEMP, Abel Caballero, manifestouse esta mañá nestes termos tras a Xunta de Goberno da FEMP e minutos antes de presidir a reunión constituínte do Consello Territorial da Federación.
Segundo explicou, é preciso abordar canto antes o uso do superávit dos gobernos locais, que en 2019 será do 0,4%, máis de 4.000 millóns de euros «e que os concellos queremos gastar en servizos aos cidadáns». Para abrir o abanico de inversións e usos deses superávit é preciso un decreto lei que regule o ámbito dos mesmos, unha norma cunha urxencia que xa foi trasladada por carta á ministra Montero. Non obstante, lamentou que a adopción, tanto desta como doutras normativas relevantes para as arcas locais, require dun goberno constituído.
Así, o presidente recordou que na actualidade, os gobernos locais manteñen nos bancos remanentes por importes de máis de 28.000 millóns de euros, uns depósitos polos que as entidades bancarias están empezando a cobrar intereses que ascenden ao 0,35%, o que obriga a concellos e deputacións a desembolsar case 100 millóns de euros anuais por este concepto.
Sobre a regra de gasto, insistiu na importancia de incorporar os avances alcanzados no grupo técnico específico o pasado mes de setembro; pero tamén neste asunto, é precisa a modificación dunha norma que esixe ter un goberno constituído, goberno que tamén é preciso para abordar as modificacións lexislativas que implican sentenzas sobre as plusvalías municipais ou a resolución das consecuencias do cambio na norma contable que provocou aos gobernos locais deixar de cobrar 753 millóns de euros en 2017.
Comunidades autónomas
Por outra banda, o presidente da FEMP amosou o seu recoñecemento ao anuncio formulado polo presidente en funcións, Pedro Sánchez, de incluír ao presidente da FEMP na rolda de consultas ante a formación do novo goberno, en pé de igualdade coas comunidades autónomas. É a segunda vez que a FEMP é consultada na mesma rolda que as CCAA e «iso resulta moi satisfactorio porque di cal é o status da federación, recoñécese aos gobernos locais como Estado» e sobre todo, supón a consolidación destas consultas «porque xa non ten marcha atrás» e calquera presidente do Goberno, sexa o partido que sexa, terá que consultarnos no futuro».
Neste mesmo ámbito, a Xunta de Goberno da FEMP acordou a creación dunha comisión que estudará elaborar unha declaración institucional sobre gobernabilidade», sinalou Caballero.