Caballero insta á Xunta a decretar a gratuidade do aparcamento do Álvaro Cunqueiro

Dada a gravidade da situación sanitaria que estamos a atravesar, o rexedor considera “importante e conveniente” a gratuidade do aparcamento do Álvaro Cunqueiro

Así llo solicitou esta mañá á Xunta de Galicia, lembrando que na cidade xa non está a funcionar a Xestión do Estacionamento Regulado

O alcalde instou hoxe á Xunta a decretar a gratuidade do aparcamento do Álvaro Cunqueiro, tendo en conta a gravidade da situación que estamos a atravesar. Destacou a “importancia e conveniencia” desta medida neste momento de “pico” de asistencia a hospitais. Na súa comparecencia, Caballero lembrou que o Concello suprimiu a XER (Xestión de estacionamento regulado) o que afecta a zonas tan sensibles como os aledaños de Povisa, engadindo que non se tramitará ningunha denuncia imposta desde que se decretou o estado de alarma. Por outra banda, o rexedor referiuse ao parking gratuíto de 450 prazas que o Concello construíu no complexo hospitalario de Beade e afeou á Xunta que non lle deixara acometer un segundo, tal e como pretendía o Concello.

ZFV

O Concello porá a disposición dos hospitais vigueses os contedores de residuos ofrecidos por Contenur

Segundo apuntou o alcalde, Contenur xa está provisionando contedores específicos para residuos perigosos dos hospitais vigueses, logo de ofrecer ao Concello este tipo de colectores para os centros sanitarios. A empresa “está atendéndonos de forma especial e quero agradecerlle que o faga de xeito gratuíto”, sinalou.

Así, o Hospital de Fátima solicitou 30 colectores e Povisa pediu 12 que se están fabricando nestes momentos mentres o Concello agarda a resposta do Sergas á súa proposta. Caballero explicou que o xerente da Área Sanitaria de Vigo falou esta mañá co tenente de alcalde responsable da área de Limpeza para trasladarlle que estudarían a oferta feita polo Concello para dotalos destes contedores. Trátase de depósitos fabricados baixo normas concretas, con total trazabilidade e certificados para o uso de residuos hospitalarios perigosos con toda a garantía.

Abel Caballero urxiu a “a tódolos hospitais a que instalen estes contedores porque é unha garantía para a cidade e para os hospitais”