Caballero e Silva visitan os túneles da Fortaleza do Castro

O Concello rehabilita esta zona coa musealización do Castro, unha recuperación do patrimonio e un novo atractivo turístico na cidade de Vigo

A fortaleza do Castro segue a súa recuperación co proxecto de musealización que reabrirá os túneles e recreará a batalla naval de 1719. O alcalde a a tenente de alcalde, Carmela Silva, visitaron os túneles que nun prazo de 5 meses poderán ser visitados pola cidadanía, un exemplo de recuperación do patrimonio e novo atractivo turístico.

A obra supón un investimento de 1.400.000 euros de licitación, cos fondos do Goberno de España, concretamente do Ministerio de Industria Comercio e Turismo, que asignou a Vigo pola súa capacidade turística. Caballero cualificou a obra de “moi importante” e agradeceu ao Goberno de España o financiamento para o patrimonio histórico de Vigo.

O alcalde explicou en rolda de prensa que a primeira cuestión é a recuperación do túnel duns 75 metros de lonxitude e que terá iluminación, cun ambiente do asedio de 1719 con sons e luces, e que despois estará a actuación do baluarte con pezas de aceiro.

O Concello tamén intervirá no polvorín onde haberá unha sala de exposicións e demostracións das batallas navais. “Unha rehabilitación histórica e extraordinaria”, concluíu.