Caballero destaca a «emocionante» iniciativa dos taxistas para que os maiores gocen do Nadal

O Concello e máis de 45 profesionais de Radio Taxi facilitarán a preto de 200 persoas que residen en 20 centros de maiores de Vigo realizar un percorrido totalmente gratuíto para gozar da iluminación e decoración despregada na cidade durante o Nadal

Por quinto ano, o vindeiro luns 11 de decembro, os maiores contemplarán en directo elementos emblemáticos como a árbore da Porta do Sol, de 45 metros de lonxitude, que este ano exhibe unha abraiante estrela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente e vicepresidente de Radio Taxi, Emilio Mosquera e Juan Alonso, presentaron este xoves a quinta edición da iniciativa solidaria de transportar, de forma altruísta, a maiores residentes en centros da cidade para contemplar o despligue de iluminación e decoración do Nadal.

O rexedor destacou que a iniciativa, que está programada para o luns 11 de decembro a partir dos primeiros minutos de activación do alumeado, destaca polo “emocionante que resulta ver cando se baixan do taxi para ver o Nadal de Vigo. É unha emoción absoluta. Aínda que só fóra por iso, xa se xustificaría o Nadal”, asegurou ao agradecer aos profesionais do taxi a súa dedicación. Caballero incidiu en que o traslados dos maiores aos epicentros de celebración do Nadal “é un dos grandes eventos porque é a visión social de que todo o mundo goce do Nadal, que é cultura, lecer, entusiasmo e economía, pero, sobre todo, é a ilusión das persoas”.

Emilio Mosquera explicou que os asociados de Radio Taxi recollen a máis de 150 persoas de 20 residencias de maiores da cidade que, acompañados por un profesional do centro, son desprazados á árbore á vez que contemplan a decoración. Sinalou que o Concello este ano pon á súa disposición a peonalizada rúa de Elduayen para aparcar os seus vehículos durante a hora que dura a visita.