Os maxistrados conclúen que, “habéndose postos os medios para buscar solucións polo Concello de Vigo, non se incorreu na infracción sancionada de control sobre a concesionaria”
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, valorou hoxe o ditame do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que vén de ratificar a sentencia do Contencioso-administrativo nº1 de Vigo e desestima o recurso da Xunta, validando a actuación municipal naquelas semanas do outono de 2017 e anula a sanción imposta pola Xunta de Galicia ao Concello ao considerar que o goberno de Vigo e a empresa concesionaria actuaron “para atallar ou paliar os efectos da seca en 2017”, segundo sinala o texto.
“Isto é gravísimo”, criticou o alcalde en rolda de prensa: “Foi unha multa por decisión política en abuso de autoridade da Xunta”.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, engadiu Caballero, asegura que “a multa era indebida, que o Concello obrara correcta e convenientemente, anula a multa e impón á Xunta ás costas do xuízo por mil euros. Nada menos”.
O Tribunal considera probado que Concello y concesionaria tomaron medidas, entre as que cita o reforzo de seguimento do encoro de Eiras, a petición de redución do caudal ecolóxico, a toma de mostras e a realización de analíticas, ou reunións semanais entre os técnicos municipais e os da empresa. Os maxistrados conclúen polo tanto que, “habéndose postos os medios para buscar solucións polo Concello de Vigo, non se incorreu na infracción sancionada de control sobre a concesionaria”.

