Caballero cualifica a remodelación de Balaídos como “a maior obra pública da historia da cidade”

O alcalde visitou este xoves o inicio dos traballos de demolición da bancada no Estadio Municipal de Balaídos

O alcalde destacou que o novo Balaídos está á altura dos grandes estadios de Europa e vén dar solución a “un importante problema de seguridade porque aquí caían cascallos”.

ZFV

Na rolda de prensa anterior á visita, Caballero deu conta das actuacións executadas ata este momento: a desmontaxe e derrubamento da torre de iluminación da bancada de Marcador e a de Gol, demolición do interior do antigo local de Bombeiros, desmontaxe do marcador electrónico e amais realizáronse as novas bancadas necesarias para recolocar os asentos da Bancada de Río coa nova separación entre filas para dar máis comodidade.

Nestes momentos, segundo expuxo, están a instalarse os asentos da Bancada de Río coa nova separación entre filas e que debería estar finalizada nunha semana, polo que estarían listos para o inicio da nova tempada da Liga. Na zona onde antigamente estaban os bombeiros está a executarse a redistribución necesaria para albergar os espazos para as retransmisións televisivas pola Liga de Fútbol; será provisional ata rematar o conxunto da obra. Amais, está a executarse o desvío provisional das instalacións da bancada, abrindo a gabia necesaria para a localización da nova canalización das instalacións e a canle prefabricada de drenaxe do campo que previsiblemente chegarán a próxima semana.

Na zona de conexión entre Río e Marcador están cortándose nestes momentos as lousas de formigón que conforman a superficie, en concreto os operarios traballan nunha que pesa 20 toneladas.

O alcalde sinalou que na semana do 19 de xullo está previsto efectuar xa a demolición da parte da bancada de Río no seu encontro con Marcador e, dende ese momento, procederase á demolición da bancada de Marcador, que continuará ao longo dos meses de verán.