Caballero critica o modelo de asociacionismo da Xunta e reivindica a súa actividade en todas as parroquias

O presidente do PSdeG en Vigo propón que cada asociación de Vigo poida traballar no seu ámbito e critica o patrón da Xunta de Galicia e o Partido Popular de unificar a todas as entidades “nun edificio que teñen baleiro na rúa Lalín”

Caballero louva o modelo municipal que traballa na cooperación coas asociacións in situ e que está a preparar novos espazos dotacionais no Plan Xeral de Ordenación Municipal

O presidente do PSdeG-PSOE en Vigo, Abel Caballero, reivindicou nun acto coa Asociación de Veciños da Miñoca a actividade que desenvolve o tecido asociativo de Vigo no seu ámbito.

Caballero criticou o modelo de asociacionismo da Xunta de Galicia e do Partido Popular de xuntar “a todas as entidades nun edificio que teñen baleiro na rúa Lalín”: “Como van ir reunirse ou organizar actividades, por exemplo, os veciños e veciñas de Oia, ata Praza América todos os días? O mundo ao revés, piden que as asociacións se adapten a eles”, lamentou na súa intervención.

Acompañado por membros da candidatura, louvou o modelo municipal que «traballa na cooperación coas asociacións in situ, co apoio económico para dotacións e pago dos gastos, así como a mellora de infraestruturas e a creación de novas, como aparece no Plan Xeral de Ordenación Municipal: a ampliación do CRAC de Coruxo, escolas de música en Oia e Bembrive, pavillóns deportivos en Beade e Zamáns, novas instalacións deportivas en todas as parroquias, rehabilitación de edificios industriais para dotacións, centro de maiores en Navia, centro para persoas con Alzheimer en Teis, ou o Vigo Arena», enumerou Caballero.

Para o presidente do PSdeG-PSOE en Vigo, “o Partido Popular non cre no territorio nin nas parroquias” e afirma que desde o partido socialista “seguiremos a potenciar os lugares de encontro nas parroquias”.