O rexedor fai balance do traballo do seu goberno ao longo do 2020, un ano que cualifica de “difícil e duro”, e no que afirma que Vigo «incrementou coma nunca a política social, os investimentos ou a xeración de emprego»
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo balance este luns do traballo do seu goberno ao longo do 2020, un ano «difícil, duro» no que, sinalou, Vigo «incrementou a política social, os investimentos, a xeración de emprego e intentou rexenerar a actividade económica mentres faciamos unha loita denodada da covid».
O rexedor foi así desgranando as que, considera, principais inversión acometidas ao longo do 2020, entre as que destacou as destinadas a facer fronte á pandemia con medidas de seguridade nas rúas e unha «política social sen límite, que non deixou a ninguén sen atención», permitindo o «maior cambio e avance” ao tempo que a cidade loitaba contra a pandemia con máis de 1.000 medidas. Así salientou a xeración de emprego, o Nadal celebrado con seguridade 1000×100 e a coordinación cos aliados estratéxicos da cidade: o goberno de España, a Deputación de Pontevedra e a Zona Franca.
Este foi para o alcalde o «ano da presencia de Vigo en Españ»” e o ano no que destaca o «proceso de unidade ao redor da cidade».
O goberno municipal prestou neste ano apoio a establecementos comerciais pechados por Covid, á hostalería, reduciu impostos e taxas aos ámbitos económicos afectados por peches, aprazou impostos para dar máis comodidade e realizou o maior incremento de gasto social que houbo nunca na historia da cidade. Amais, xa está aprobado o orzamento do vindeiro ano para mobilizar a economía, con débeda cero e pago a provedores en 9 días. Segundo explicou o alcalde, desde que preside o goberno olívico, o apoio ás terrazas da hostalería cífrase en máis de 25 millóns de euros e, agora, preto de 3 millóns de euros en exención de pagamentos.
Na área de política social, o alcalde apuntou as 12.000 axudas que chegaron a máis de 28.000 persoas na cidade, o apoio para a xestión do Ingreso Mínimo Vital, o labor da unidade de rúa, reparto de menús a domicilio, o incremento dotación a tódolos comedores da cidade, a suba dun millón de euros do servizo de axuda no fogar ou o labor dos coidadores de barrio, avanzando os 23 millóns de euros en política social directa para o vindeiro ano.
Abel Caballero detallou que «estamos en proceso de lanzamento do investimento con 97,3 millóns nun total de 117 actuacións» no Vigo vertical coas ramplas da Gran Vía que son o «éxito do Nadal de Vigo», o ascensor do Parque Camilo José Cela, o lanzamento do concurso de ideas para o ascensor Thom Mayne ou a posta en marcha do carril bici de Teis a Samil.
O rexedour afondou en que o 2020 foi o ano da apertura do pavillón de Romil, os dous novos pavillóns de Balaídos, o de Quirós a punto de rematar e a licitación por máis de 15 millóns de euros da grada de Marcador. No tocante ás humanizacións, destacou a da estrada Porto-Beade (3,5 millóns de euros), o acordo para a reforma da Avenida de Madrid, o convenio para os accesos á estación do tren de alta velocidade de Vialia, accións no río Lagares, a saída sur ferroviaria de Vigo.
«Avance do urbanismo»
Para o alcalde «este foi o ano do avance do urbanismo de Vigo» co lanzamento dun novo modelo de cidade co PXOM: unha cidade compacta e verde, con máis peonalizacións, zonas verdes e un novo aproveitamento de espazos, máis parques públicos, a conversión do río Lagares nun grande corredor desde o seu nacemento ata a desembocadura, a conexión con Clara Campoamor ou os dous millóns de metros cadrados de solo industrial que se recollen no documento.
No referente ao turismo, destaca o alcalde o apoio á hostalería con 15 contratacións de asesores Covid, a promoción da cidade e a continuación da campaña Cíes, Patrimonio da Humanidade. En educación, o goberno municipal acometeu a cubrición de patios escolares de novos centros e reforzou a limpeza e desinfección dos centros, mantendo investimento en bolsas escolares a Foanpas ou o financiamento das escolas municipais.