O alcalde de Vigo valora a reunión celebrada o día previo co ministro de Infraestruturas portugués, Pedro Nuno de Oliveira Santos, como «moi importante e moi eficaz»
Tratouse «dunha reunión moi cordial, na miña opinión moi importante e moi eficaz», expresou este xoves Abel Caballero, quen ofreceu o seu apoio á liña de Alta Velocidade entre Lisboa e Vigo. O alcalde amosoulle ao ministro «a nosa satisfacción polo proxecto portugués e a nosa vocación de levar adiante a saída sur ferroviaria de Vigo en Alta Velocidade e levala ata a fronteira» co país veciño.
Segundo o alcalde, os orzamentos xerais do Estado para 2021 recollen a elaboración dun estudo funcional de alternativas para a saída sur de Vigo. Caballero recordou que o tren entra por túnel ata Urzáiz e deberá continuar soterrado e saír á superficie unha vez pasado o casco urbano do Porriño e, desde aí, enlazar co territorio portugués.
«Neste momento», indicou o rexedor vigués, «o Goberno de España tamén considera a saída sur e o AVE ata Portugal como unha prioridade e estamos en condicións de apoialo», polo que manifestou que «o Concello aposta porque no ano 2030 estea acabado todo o corredor de Alta Velocidade desde Vigo ata Lisboa».
Completar o eixo atlántico ferroviario uniría a capital lusa con A Coruña por Alta Velocidade, situando a Vigo no «centro» desde corredor, apuntou o rexedor, que puxo en valor a posición viguesa como estación de paso ata Madrid dos viaxeiros procedentes do norte de Portugal, como xa acontece actualmente no tránsito de vehículos.

