Caballero anuncia que o prazo de solicitude das becas de inglés permanecerá aberto do 8 ao 19 de abril

O Concello de Vigo dedicará preto de 6 millóns de euros ás dúas novas convocatorias das bolsas de inglés, segundo anunciou este luns Abel Caballero ao explicar que o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto dos días 8 ao 19 de abril, e que cada curso participarán un total de 925 alumnos de terceiro de Educación Secundaria Obrigatoria

A Xunta de Goberno do Concello de Vigo aprobou este luns as bases para solicitar as becas de inglés. Caballero avanzou que o prazo para solicitar unha praza permanecerá aberto dúas semanas: do 8 ao 19 de abril.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

O Concello destinará 2.950.000 en 2024, e outros 2.950.000 en 2025 á formación en inglés. “Case seis millóns en dous anos” para bolsas de inglés, recalcou o alcalde.

O rexedor lembrou que entre os requisitos para reclamar unha praza atópanse, ademais de cursar terceiro da ESO, contar cunha nota mínima de 7 en inglés, e estar empadroado en Vigo.

Cada bolsa inclúe a matrícula do curso intensivo de inglés, de tres semanas de duración, tanto no Reino Unido como en Irlanda, a viaxe, pensión completa de alimentos, seguro, un monitor por cada 20 alumnos, lecer, aloxamento en familias de fala inglesa e gastos de transporte.

“Somos o único concello de España, incluídas as 17 comunidades autónomas, que damos estas bolsas e este nivel de bolsas”, concluíu Caballero.