O alcalde de Vigo, que asegura que a obra vai en prazo, visitou hoxe os traballos trala chegada da maquinaria para construír o túnel que desviará o tráfico
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acudiu este luns a visitar as obras da Porta do Sol xunto á primeira tenente de alcalde e presidenta da Deputación, Carmela Silva; o delegado do Consorcio da Zona Franca, David Regades, e o segundo tenente de alcalde e concelleiro de Fomento e Servizos, Javier Pardo.
“É unha obra que vaia marcar Vigo historicamente, terá o que nunca tivo, zona de encontro. Xa chegou a maquinaria para o groso da obra, a peonalización xa se fixo pola vía de feito, está funcionando moi ben co tráfico cortado, xa é zona de encontro, pero hai que facer o túnel para facilitar o tráfico”, sinalou o rexedor en rolda de prensa, asegurando que os traballos van en prazo máis alá dos retrasos ocasionados polo Covid.
O alcalde indicou que é necesaria a construción do túnel porque o desvío de autobuses “xeraría un caos e cada persoa perdería un cuarto de hora se ten que dar un rodeo”. O novo paso subterráneo está financiado con fondos europeos e Caballero indicou que “estudamos agora unha nova ampliación para que non teña a saída en Elduayen”.
A humanización e transformación da rede viaria na Porta do Sol supón crear 8.000 metros cadrados de espazo público peonil, dotado de zonas verdes e mobiliario urbano con elementos singulares, como un estrado-escenario, unha réplica das illas Cíes ou unha maqueta tiflolóxica que amose a configuración do novo espazo para as persoas con visibilidade reducida.
A ordenación do ámbito peonil complétase coa execución dunha rampla mecánica en Carral para facilitar a mobilidade vertical da cidadanía, dando continuidade ao itinerario que seguen as actuais escaleiras mecánicas que van da Porta do Sol á zona do Concello.
O proxecto recolle ademais a reposición e construción de redes de servizos urbanos, como a iluminación pública, gas, electricidade, telecomunicacións, saneamento e abastecemento na Porta do Sol e en Elduayen.

