Aumentan a case 20 os graos que o vindeiro curso comezarán impartíndose de xeito presencial na UVigo

O reitor presidindo o Consello de Goberno.

A EE Industrial apostará pola presencialidade 100% en todos os seus graos e mestrados

Co agradecemento polo esforzo realizado durante os últimos meses por mor da pandemia e o desexo dunhas boas vacacións aos seus integrantes, remataba este martes a derradeira intervención do reitor, na sesión de Consello de goberno que hoxe puxo fin ás celebradas ao longo do curso 2019-2020. Así concluía unha xuntanza ordinaria na que os seus membros deron luz verde a novas solicitudes enviadas polos centros para iniciar a docencia o vindeiro curso na modalidade presencial e á que se incorporan a totalidade de titulacións de grao (sete e tres PCEO) e de mestrado (sete) que se imparten na Escola de Enxeñaría Industrial.

Deste xeito, o número de graos que no curso 20-21 comezarán en modalidade 100% presencial ascende a 17, sumados os 10 aprobados na sesión de Consello celebrada a principios de mes, e os sete títulos que se imparten a EE Industrial. No caso dos mestrados, ascende a 30 o número de títulos que se ofrecerán integramente de forma presencial, incorporándose como novidades, respecto de hai unhas semanas, o Máster en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos que se imparte no campus de Ourense e os sete títulos que ofrece a EE Industrial. Pola súa banda, a ES de Enxeñaría Informática ofertará o 98% das súas titulacións de xeito totalmente presencial, quedando unicamente tres materias con docencia mixta, ao non poder axustar os horarios do profesorado para poder impartilas, tamén, de xeito completamente presencial.

Este foi un dos asuntos aprobados na sesión celebrada hoxe polo Consello de goberno, que tamén deu luz verde ás memorias para as solicitudes de verificación dos graos en Deseño, en Filoloxía Aplicada Galega e Española e dos mestrados en Sistemas Aéreos non Tripulados, en Dereito da Empresa e Ensinanza de Español como Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua, así como propostas de modificación noutros dos graos e catro mestrados. Na sesión tamén se aprobou o Plan de retención de talento e os criterios de produción científica e de transferencia para este ano e o Plan de prevención e control e sanitario fronte a covid-19 para o vindeiro curso, seguindo as recomendacións do Ministerio de Sanidad, Ministerio de Universidades, Consellería de Sanidade e Secretaria Xeral de Universidades. Así mesmo acordouse introducir unha modificación no calendario académico do vindeiro curso de xeito que as datas de entrega de actas poderán adiantarse polos centros, sempre e cando non supoña cambios nas datas de apertura de actas. Tamén se acordou o cambio de data de entrega de actas do segundo período do 25 ao 28 de xuño.

Pola súa banda, no seu informe, o reitor confirmou que a UVigo recibirá un anticipo da Xunta de Galicia de 966.000 euros destinados ao desenvolvemento das accións máis urxentes relacionadas coa covid-19 como a posta en servizo das Aulas Integra e o seu equipamento. Manuel Reigosa avanzou que esta primeira achega se completará a finais de ano con máis cartos procedentes do Ministerio, e outro pago no ano 2021. O reitor tamén confirmou que o acto de apertura do curso académico do SUG se celebrará o vindeiro 25 de setembro, sendo a UVigo a universidade anfitrioa este ano, para o que organizará un acto nun lugar axeitado e con presencia física de asistentes limitada.