Augaventura regresa en outono, tras ter que suspender a edición de primavera pola covid-19

Comunidade universitaria e público en xeral poderán elixir entre sete alternativas deportivas.

As actividades desenvolveranse ao longo do mes de outubro

Tras ter que suspender a edición de primavera, o programa de actividades no medio acuático, Augaventura, regresará en outono con distintas modalidades deportivas. A programación concentrarase no mes de outubro respectando todas as medidas hixiénicas e sanitarias e comprende rafting, unha ruta á illa de San Simón combinando kaiak, andaina e snorkel, clases de surf, windsurf, mergullo, flyboard e wakeboard.   

Antes as actuais circunstancias de pandemia provocada pola covid-19, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo deseñou o programa con todas as medidas precisas para que as actividades se desenvolvan nunha contorna de seguridade sanitaria.

Un programa concentrado no mes de outubro

Augaventura Outono 2020 concéntrase no mes de outubro e está aberto tanto ás persoas que forman parte da comunidade universitaria como ás alleas a ela, con prezos diferentes segundo o colectivo (comunidade universitaria; familiares; persoas tituladas ou persoas alleas á UVigo) e un desconto do 20% para aquelas que teñan o abono Muver.

  • A primeira actividade en arrancar será o mergullo, que terá unha primeira data na piscina universitaria o 15 de outubro e outras dúas nas illas Cíes con dúas opcións: 24 ou 31 de outubro. O prezo para as persoas que opten por achegarse a esta modalidade na piscina varía entre os 10€ e os 20€. No caso de preferir realizar a clase nas Cíes, o prezo vai entre 40€ e 80€. O prazo de inscrición segundo as datas remata o 4, o 11 ou 18 de outubro.
  • Na mesma semana irán botando a andar o resto das actividades. O día 16, xunto co 30 do mesmo mes terán lugar as sesións de descenso de rápidos no río Miño, en Arbo. A actividade, que como todas as demais se dividirá en dous grupos, terá un custo de 15€ para persoas pertencentes á comunidade universitaria e familiares, 22.5€ para persoas tituladas pola Universidade de Vigo e 30€ para persoas alleas a ela. Arrepións, a entidade colaboradora, agasallará aos participantes con CD con fotos da actividade. As datas límites de inscrición son o 4 e o 18 de outubro.
  • A seguinte aventura consistirá nunha ruta pola illa de San Simón que inclúe unha travesía en kayak, seguida dunha andaina pola illa e finalizando cun mergullo de superficie (snorkel) nos illotes de San Bartolomé e San Norberto. Existen dúas datas a elixir: 17 e 31 de outubro, tendo que matricularse antes do 4 e o 18 do mesmo mes, respectivamente. O prezo varía entre 15€ e 30€.
  • A programación comprende tamén bautismos de surf, con tres datas posibles: 18 ou 25 de outubro e 1 de novembro. Esta actividade desenvólvese na praia de Patos, en Nigrán, coa colaboración de Prado Surf Escola e un prezo entre os 6€ e os 12€ segundo o grupo se pertenza ou non á comunidade universitaria. As inscricións deberán realizarse antes dos días 4, 11 ou 18 de outubro respectivamente.
  • Tamén o día 18 arrancan as sesións de wakeboard ou esquí acuático, tamén Liceo Marítimo de Bouzas e tamén en colaboración coa escola Tierra y Mar, que terá unha segunda cita o 1 de novembro. A data límite de matrícula é o 4 ou o 18 de outubro e os prezos varían entre os 10€ e os 20€.
  • As clases de windsurf tamén terán dous grupos, un o 20 de outubro e outro o 27 do mesmo mes, con prezos entre os 10€ e os 20€. Esta actividade tamén terá lugar no Liceo Marítimo de Bouzas en colaboración coa escola Tierra y Mar. As persoas interesadas deberán inscribirse antes do 8 ou do 15 de outubro respectivamente.
  • Finalmente, o flyboard terá tamén dúas sesións, o 24 e 31 de outubro no Liceo Marítimo de Bouzas con prezos que van dos 20€ aos 40€. A actividade consiste no aproveitamento dos chorros de presión dunha moto acuática para somerxerse, facer piruetas e elevarse sobre auga. As datas límites de inscrición nestes grupos son o 11 e o 18 de outubro respectivamente.

As prescricións para todas estas actividades poden facerse en www.deportes.uvigo.es 

Unha vez acadado o número mínimo de participantes para a realización da actividade as persoas inscritas recibirán un correo para facer a confirmación da reservar e realizar o pagamento nun máximo de 48 horas, ben sexa na propia páxina web ou en entidades bancarias colaboradoras.