Presentáronse 872 demandas de divorcio e separación, fronte ás 1.471 do ano pasado
Por cada 10.000 habitantes, na comunidade contabilizáronse 3,8 rupturas e, no Estado, 4,3
O número de demandas de ruptura matrimonial (separacións e divorcios) presentadas en Galicia no segundo trimestre do ano foi de 872, fronte ás 1.471 que se rexistraron no mesmo período de 2019, o que supón unha diminución do 40,7 %. No Estado rexistrouse unha baixada do 42,1 %. Os datos correspondentes ao segundo trimestre do ano, o máis afectado polo estado de alarma, que provocou un descenso da actividade xudicial, mostran baixadas interanuais en todas as formas de disolución matrimonial. Poñendo en relación as rupturas coa poboación ao 1 de xaneiro de 2020, obsérvase que por cada 10.000 habitantes en Galicia se contabilizaron, no período estudado, 3,8 demandas, fronte ás 4,3 de media estatal.
Segundo os datos feitos públicos hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, na comunidade diminuíron tanto os divorcios consensuados (de 840 a 503, un 40,1 %) como os non consensuados (de 576 a 339, un 41,1 %). En relación coas separacións consensuadas, pasaron de 39 a 17 no segundo trimestre do ano, mentres que as non consensuadas baixaron de 16 a 13, un 18,8 % menos. Neste período non se rexistrou ningunha petición de nulidade matrimonial.
No segundo trimestre do ano tamén se produciu un descenso interanual dos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, así como dos de modificación de medidas en procesos de separación e divorcio.
Entre o 1 de abril e o 30 de xuño iniciáronse 89 procedementos de modificación de medidas consensuadas, un 49,1 % menos que no mesmo período do ano anterior. As demandas de modificación de medidas non consensuadas pasaron de 477 a 323, un 32,3 % menos.
En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse 175 demandas de modificación de medidas consensuadas, fronte ás 264 do segundo trimestre de 2019, o que supón un descenso do 33,7 %; e 207 demandas de modificación de medidas non consensuadas (356 o ano pasado), o que representa unha baixada interanual do 41,9 %.

