As praias de Samil e O Vao terán cintas separadoras este verán para garantir a seguridade Covid

O alcalde avanzou este martes que os dous areais vigueses repetirán o sistema de cintas de cores para marcar os espazos, establecido o verán pasado, durante os meses de xullo e agosto

«Sabemos que este verán vai ser menos malo que o anterior pero imos poñer as cintas nestas praias», anunciou Caballero en rolda de prensa, para «seguir situando a seguridade Covid 1000×100» nos areais da Samil e O Vao durante os meses de xullo e agosto, que son os de maior afluencia.

Tal e como expuxo, marcando as cuadrículas para os espazos das persoas de acordo coa norma sanitaria vixente en cada momento, os bañistas poden ter elementos de referencia nos areais para respectar a distancia de seguridade interpersoal.

O Concello instalou o verán pasado o sistema de cintas separadoras por cores nas praias para garantir a seguridade Covid e, este verán, repítese a fórmula de cuadrículas. «Isto non significa ningunha limitación adicional á establecida pola autoridade sanitaria», engadiu o alcalde, senón que permitirá distribuír homoxeneamente o número máximo de persoas permitidas no conxunto do areal.

Ademais, Caballero lembrou que Vigo é a cidade de España con máis bandeiras azuis: dez praias e 3 sendeiros, que copan unha parte importante da actividade no verán, polo que puxo en valor os sendeiros Camiño á Beiramar», a Senda Entre Faros en Illas Cíes e a Senda Litoral e do Monte da Guía en Teis.

Sobre o operativo de salvamento e socorrismo, o alcalde apuntou que este ano o Concello organizou un curso gratuíto para formar a socorristas para «evitar o problema de falta de socorristas» actuando con previsión para poder dotar ás praias deste servizo, ao que se suman efectivos da Policía Local, Protección Civil e técnicos en primeiros auxilios.