As obras do Plan Hurbe na contorna da Capela de San Eleuterio en Mos avanzan de cara ao gran San Eleuterio

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Obra Pública, Camilo Grandal, e o edil de Urbanismo, José Ramilo, visitaron estes días as obras do Plan Hurbe de humanización da contorna de San Eleuterio; que comezaron a finais do pasado mes de agosto, e avanzan a bo ritmo.

Os representantes municipais, Arévalo, Grandal e Ramilo, informaron de que xa se realizou toda a excavación necesaria para acometer o muro de contención proxectado para o torreiro. Así como a execución da zapata do muro, colocación da armadura e formigonado da zapata.

Tamén se levou a cabo o replanteo de cotas e niveis, así como de instalacións urbanas como o abastecemento de auga, e de rego.

O primeiro paso dos traballos, e previo incluso á excavación, foron as demolicións necesarias e a retirada de postes na zona do talud onde vai ubicado o muro de contención do torreiro.

Para esta obra Xunta de Galicia e Concello de Mos destinan un total de 1,03 M de € e a actuación acométese ao abeiro do chamado Plan Hurbe, un programa impulsado polo goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. A Xunta tamén ten proxectada a construción de Vivenda de Protección Oficial, VPO, 100% pública en San Eleuterio; co que se converterá a zona no gran San Eleuterio.

Como se dixo, a Xunta de Galicia e o Concello de Mos destinan 1,03 millóns de euros á humanización da contorna da ermida de San Eleuterio, en Tameiga, segundo o convenio de colaboración que hai asinado entre as administracións autonómica e local. Esta actuación ten como obxectivo converter a contorna desta ermida nun espazo público de calidade no que se lle dará prioridade total aos peóns sobre os vehículos. A Xunta financia o 70% da obra e o concello asume o 30% restante.

Con esta obra ponse en valor unha vez máis a colaboración estreita e coordinada entre Xunta e Concello de cara a dotar ao municipio de espazos públicos de calidade. Así, desde 2019 xa se levaron a cabo outras actuacións ao abeiro desta iniciativa, como a mellora da contorna da Casa Consistorial, a mellora urbanización e da pavimentación da urbanización de San Eleuterio e a humanización da contorna parroquial de San Mamede. E, a maiores, atópase tamén en marcha mellora integral da urbanización de San Rafael.

As devanditas actuacións, supoñen un investimento global de 2,8 millóns de euros para mellorar as contornas públicas e humanizar rúas e prazas da localidade mosense.

Neste caso da contorna da Ermida de San Eleuterio as obras consisten na dotación de zonas verdes, na renovación completa do mobiliario urbano e na remodelación total da pavimentación da zona, ademais da protección de todos os elementos culturais como a propia ermida de San Eleuterio, e o cruceiro.