Trátase dunha intervención de mantemento desta estrutura peonil situada no punto 0+700 da vía autonómica, co obxectivo de reforzar e mellorar a súa estrutura de formigón
Actuarase no estribo da pasarela que se une co paseo peonil que dá acceso ás vivendas da parte superior, e no estribo que conecta coa escaleira de acceso que permite salvar o desnivel coa cota da beirarrúa
A Xunta mantén o esforzo na conservación e mellora da rede viaria autonómica, á que vén destinando máis de 50 M€ cada ano, reforzando tanto os programas de inspección e control das pontes e obras de paso, como a mellora do firme nas vías
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acometerá obras de conservación da pasarela peonil sobre a estrada autonómica PO-324, en Coruxo, no concello de Vigo.
Trátase dunha intervención de mantemento da pasarela peonil situada no punto quilométrico 0+700 desta vía autonómica, co obxectivo de reforzar e mellorar a súa estrutura de formigón.
As obras, adxudicadas á empresa Audeca, S.L.U. por preto de 50.000 euros, comezaranse nas vindeiras semanas.
A pasarela peonil está formada por lousa de formigón apoiada sobre vigas prefabricadas. Nun estribo o apoio está embebido no muro de contención do desmonte e conéctase co paseo peonil que dá acceso ás vivendas da parte superior. No outro estribo conecta coa escaleira de acceso que permite salvar o desnivel coa cota da beirarrúa.
Os traballos que se realizarán no marco deste contrato comezarán pola retirada da vexetación que cubre parte da estrutura da pasarela, a limpeza con auga a presión da estrutura.
De seguido, procederase ao chorreado do formigón, selaxe e inxección superficial das fisuras e gretas e reparación con morteiro tixotrópico.
Nesta intervención acometerase tamén a limpeza das armaduras e procederase á protección con anticorrosivo.
Deste xeito, aplicarase sobre toda a superficie de formigón unha pintura de protección dos paramentos fronte á acción da carbonatación, os cloruros e a humidade.
Ademais, como parte deste traballos, aplicarse un tratamento con alta resistencia á corrosión sobre a varanda metálica que protexe lateralmente a pasarela.
A Xunta segue dedicando un enorme esforzo orzamentario á conservación e mellora da rede viaria autonómica, á que vén destinando máis de 50 M€ cada ano, reforzando os programas de inspección e control, tanto das pontes e obras de paso, como a través de medidas como o Plan de reforzos de firme, para garantir as boas condicións nas vías de titularidade autonómica.