As confrarías de Aldán-Hío, Cangas, Vilaboa, Arcade, Redondela, Vigo e A Guarda viaxan a Canarias para descubrir a experiencia do turismo mariñeiro

Visita ao Dedo de Deus de Agaete.

A visita de estudo lévase a cabo no marco do proxecto Mar das Illas, impulsado  polo GALP Ría de Vigo-A Guarda, GALP Ría de Pontevedra e GALP Ría de Arousa  

Esta semana, unha delegación de representantes do Grupo de Acción Local do Sector  Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo-A Guarda viaxa ás Illas Canarias no marco do proxecto  de cooperación Mar das Illas, impulsado xunto ao GALP Ría de Pontevedra e o GALP Ría  de Arousa

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Esta é a terceira visita de estudo que realizan con esta iniciativa, tras desprazarse en  anteriores ocasións ás Illas Baleares e Italia. Da man dos Grupos de Acción Costeira de  Gran Canaria e Lanzarote, integrantes das xuntas directivas e persoal técnico dos tres  grupos visitarán diversos proxectos de turismo mariñeiro e pescaturismo e coñecerán as  particularidades da actividade pesqueira en zonas protexidas. As confrarías da zona e os  museos vencellados ao mar tamén serán parada obrigatoria.  

“Canarias é un destino máis turístico e niso van un pouquiño máis adiantados ca nós. Esta  viaxe será de interese para ver como artellan o pescaturismo en áreas protexidas, sempre  é de utilidade recadar esta información”, explica Juan Manuel Gregorio, presidente do  GALP Ría de Vigo-A Guarda e patrón maior da Confraría de Pescadores San Cipriano de  Aldán-Hío

Coa mesma vontade curiosa viaxan tamén ao arquipélago, Silvia Crespo, tesoureira do  GALP e patroa maior da Confraría de Pescadores Santa Tegra da Guarda, e Gonzalo  Reinosa, patrón maior da Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade.

Para Crespo, unha das seis mulleres que están á fronte dunha confraría en Galicia, neste  tipo de visitas sempre “se aprende uns dos outros”. “Chámanme a atención os proxectos de ecoturismo Ruta do Humedal ou o das vivendas de vacacións”, conta a percebeira, á  que lle encanta “saber como traballan noutras confrarías” e poder adquirir novos  coñecementos para aplicalos na Garda. De feito, foi nunha destas viaxes nas que  descubriu as posibilidades da anemone de mar, para a cal empezaron a elaborar un plan  de explotación. En relación ao turismo mariñeiro, cre que no caso do percebe ou do orizo,  é complicado deseñar unha proposta deste tipo, ante a dificultade e o perigo que supón  camiñar polas rochas; non obstante, non descarta que poidan dar cunha fórmula que  permita achegarse en primeira persoa a esta actividade para que a xente sexa consciente  do “traballo que dá e que o valor que ten é por algo; é moi arriscado”. 

Pola súa banda, para Gonzalo Reinosa esta é a súa primeira experiencia viaxeira co GALP  Ría de Vigo-A Guarda como patrón maior e dela agarda “sacar algunha boa idea das confrarías e ver se as podemos adaptar á nosa”, así tamén como das iniciativas de  turismo mariñeiro e pescaturismo que poidan implantarse no noso territorio. 

Por parte do GALP Ría de Vigo-A Guarda, ademais de Gregorio, Crespo e Reinosa,  súmanse a esta a viaxe a xerente da entidade, Elena Herbello; Francisco Javier Costa e  Berta Barreiro, patrón maior e asistencia técnica da Confraría de Pescadores San Xosé de  Cangas; Jesús González, representante da Confraría de Pescadores Pedra da Oliveira de  Vilaboa; Severino Casal, vicepatrón da Confraría de Pescadores San Xoán de Redondela;  e María Muíños, asistencia técnica da Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo.  Aloxados nas Illas Canarias desde o martes, a visita ao arquipélago prolongarase ata este  sábado. 

O proxecto Mar das Illas 

A iniciativa enmárcase na liña de proxectos de cooperación interterritorial e transnacional  dos GALP para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo  Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020, segundo as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP).

Ao longo das tres fases do proxecto, formáronse máis de 200 profesionais do mar como  Guías Acreditados en Turismo Mariñeiro e Pescaturismo no ámbito do Parque Nacional.  Ademais, puxéronse en marcha seis proxectos piloto de turismo mariñeiro e pescaturismo, elaboráronse distintos manuais de formación, protocolos de actuación e  Códigos de Boas Prácticas, e leváronse a cabo diversas xornadas de divulgación como a IXornada Internacional sobre Turismo Mariñeiro e Pescaturismo.