Máis de 40 mulleres da Lama, Soutomaior e Oia participan en cursos de relaxación, risoterapia e xardinería no marco desta iniciativa da Deputación de Pontevedra
Esta semana comezan tres novas accións formativas no marco do programa “Conectadas” da Deputación de Pontevedra nas que participarán 43 mulleres dos concellos da Lama, Soutomaior e Oia. Esta iniciativa ten como principal obxectivo potenciar a participación e a promoción das mulleres a través de accións formativas que este ano se desenvolverán en 53 concellos con máis de 4.000 usuarias.
O martes 22 de agosto iníciase un obradoiro de relaxación para 18 participantes da Asociación de Veciños San Bartolomé de Xesta da Lama. A actividade desenvolverase os martes no Casino de Xesta en horario de 19:00 a 21:00 horas.
O mércores 23 de agosto dará comezo un curso de risoterapia no que participarán 12 mulleres da Asociación de Veciños San Benito de Romariz, de Soutomaior. Asistirán a esta acción formativa na Casa dos Veciños de Romariz os mércores pola tarde, de 17:00 a 19:00 horas.
Por último, o xoves 24 de agosto comeza un curso de xardinería para 13 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais de Oia na Casa da Sociedade de Burgueira. Impartirase os xoves de 18:00 a 20:30 horas en Oia, agás este mes de agosto, de 18:30 a 21:00 horas.
Neste 2023 participan no programa “Conectadas” 219 entidades de 53 concellos da provincia (Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda, Salvaterra, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova).
Os colectivos beneficiarios puideron escoller entre 30 obradoiros ofertados dentro de cinco bloques temáticos: “Emprende, iniciativas sostibles para o emprego”, “ExpresARTE”, “Conéctate”, “Sementa sostibilidade” e “O teu momento. Coidado e benestar”. Todas as accións formativas inclúen, de forma transversal nos seus contidos, o tratamento da igualdade entre homes e mulleres e teñen unha duración de 35 horas.

