Área Sanitaria de Vigo conmemora o Día nacional da Atención Temperá

O equipo multidisciplinar desta Unidade presta asistencia aos menores de 6 anos con algún tipo de minusvalía física, psíquica ou sensorial que necesitan dunha abordaxe especial

Os profesionais da Unidade viguesa conmemoran o Día Nacional da Atención Temperá baixo o lema “xunto ás familias construímos o entorno no que as crianzas desenvolven  o seu enorme potencial”

O obxectivo das terapias é promover o desenrolo destes pacientes mellorando as súas capacidades para que acaden a maior autonomía posible Destacado

Con motivo do Día nacional da Atención Temperá que se conmemora hoxe, os profesionais dedicados a este ámbito de intervención da Área Sanitaria de Vigo e as familias dos pequenos en tratamento sumáronse a esta celebración baixo o lema “Xunto ás familias construímos o entorno no que as crianzas desenvolven o seu enorme potencial”.

A Unidade de Atención Temperá do servizo de Rehabilitación vai dirixida especificamente á poboación infantil ente 0-6 anos que presenta algún tipo de trastorno no seu desenvolvemento ou que estean risco biosicosocial. Neste senso, se atende tanto aos nenos e nenas que necesitan dunha asistencia preventiva có fin de evitar unha futura discapacidade -prematuros con peso inferior a 1500 gramos ou con patoloxías neonatais-, así como a aqueles que xa presentan algún tipo de discapacidade conxénita ou adquirida. No que vai de ano levan atendidos a 466 pacientes.

A terapeuta de estimulación, Gladys Lorenzo, explica que “traballamos co obxectivo de contribuír á detección precoz, diagnóstico e seguimento da poboación infantil susceptible de atención temperá así como para mellorar a calidade de vida dos que presentan alteracións no seu desenvolvemento. Por isto, a nosa Unidade está concibida como un conxunto de intervencións postas ao servizo dos pequenos con discapacidades e das súas familias, para garantir e potenciar ao máximo o desenvolvemento das súas capacidades físicas, psíquicas, sensoriais e sociais desde os primeiros momentos da súa vida”.

Equipo multidisciplinar       

A Unidade de Atención Temperá está constituída por un equipo interdisciplinar formado por un 4 fisioterapeutas, 1 terapeuta ocupacional, 1 logopeda e 1 terapeuta de estimulación.

Estes profesionais traballan en continua colaboración con outros especialistas e servizos implicados na atención da poboación infantil como pediatría, obstetricia, neuroloxía e rehabilitación;  así como cos servizos sociais e educativos das área.

Esta Unidade conta con dous dispositivos asistenciais, un no hospital Alvaro Cunqueiro e outro no CIS Taboada Leal. Neste centro realizan a maior parte da súa actividade en  xornada de tarde, có obxectivo de que tanto os rapaces como os seus pais poidan compaxinar a súa asistencia sanitaria  cos  horarios escolares e laborais.

Fortalecemento do entorno familiar

Ademais da propia actividade asistencial, a Unidade de Atención Temperá realiza unha importante función de orientación terapéutica dirixida a prestar apoio e asesoramento ás familias dos nenos e nenas que presentan este tipo de problemas.

“A participación da familia é fundamental nos resultados das nosas terapias. Tratamos de acompañar a familia e poñer a seu alcance as ferramentas necesarias para fortalecer o entorno familiar co obxectivo de acadar o maior desenvolvemento posible do seu fillo ou filla e normalizar ao máximo as súas vidas” -asegura Gladys Lorenzo.