Aprobado definitivamente o orzamento da UVigo para 2022

Imagen aérea del Campus de Vigo.

As contas ascenderán a 198,7 millóns de euros, as máis elevadas da súa historia e que supoñen un incremento dun 7,6% respecto do ano 2021

O pleno do Consello Social da Universidade de Vigo deu este martes o seu visto e bo ás contas universitarias para 2022 nunha xuntanza marcadamente económica na que tamén se informou sobre o teito de gasto da institución académica viguesa para o exercicio orzamentario do vindeiro ano e se aprobaron, entre outras cuestións de carácter máis académico, o orzamento e as liñas xerais do plan de actuación do Consello Social para o novo ano e a desadscrición do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa, IESIDE, dependente de Abanca, entidade que está inmersa na posta en marcha da súa propia universidade privada. 

As contas da Universidade de Vigo para 2022, aprobadas por asentimento no Consello de Goberno celebrado o pasado martes 21, ascenderán a 198,7 millóns de euros, as máis elevadas da súa historia e que supoñen un incremento dun 7,6% respecto do ano 2021. Neste senso, o presidente do Consello Social Ernesto Pedrosa destacou que se trata dun presuposto no que a partida da Xunta representa cada vez menos -o 61,3% do total para 2022 fronte ao 63,1% do 2020-, o que evidencia a capacidade da UVigo para atraer recursos externos.

“Recollo aquí as felicitacións feitas desde a comisión económica que preside Juan M. Vieites ao equipo reitor, neste caso pola xestión económica e de persoal que se está a desenvolver”, subliñou o presidente do Consello Social, palabras que máis tarde agradeceu o reitor, Manuel Reigosa, antes de dar conta ás persoas que asistiron á reunión, celebrada nesta ocasión de xeito presencial na sala 1 do edificio Miralles, das cuestións máis destacadas que afectaron á universidade nos últimos meses: mapa de titulacións e plan de financiamento.

Adiado o debate sobre o mapa de titulacións e satisfacción co novo plan de financiamento

Respecto ao mapa de titulacións Reigosa indicou que os procesos electorais que se vivirán en próximas datas tanto nas universidades de Santiago de Compostela, primeiro,  como na de Vigo, “a finais de abril ou principios de maio”, aconsellaron adiar de momento este debate “de xeito que non se comprometa aos novos equipos reitorais que saian das urnas nunha cuestión tan importante para o futuro da universidade galega”.

En canto ao plan de financiamento, o reitor volveu manifestar unha vez máis a súa satisfacción “porque supón unha evidente mellora”: por unha banda, “porque hai máis cartos a disposición da universidade pública” e, pola outra, “porque supón un recoñecemento explícito e implícito da importancia que ten o Sistema Universitario Galego dentro da sociedade galega”.  Similar grao de satisfacción con respecto a este plan amosou o máximo responsable do Consello Social da UVigo, quen destacou dous aspectos claves: “o decidido apoio á ciencia e á investigación, e a obriga de render contas á sociedade”. Nesta liña, Pedrosa resaltou o feito de que as universidades reciban máis fondos en función do éxito dos seus estudantes, para o que un dos criterios será  que a taxa de cambio de carreira ou de abandono sexa baixa, “un problema sobre o que volveremos solicitar ao equipo de goberno información e medidas de choque previstas, tal e como pide a Xunta, xa que representa un problema de perda de recursos públicos e de frustración de expectativas persoais dunha xeración”.