Aprobada a ordenanza que regula as terrazas con cerramento estable en Vigo

A Corporación aproba inicialmente a normativa sen votos en contra, coas abstencións dos grupos do PP e Marea

A Corporación Municipal aprobou este mércores inicialmente a nova ordenanza de terrazas, sen votos en contra, coas abstencións dos grupos do PP e Marea. O texto, defendido pola tenente de alcalde Elena Espinosa, habilita á hostalería e á restauración a instalar estruturas fixas, incluso en prazas de aparcamento.

Espinosa explicou que o ordenamento contempla tanto as actuais terrazas sen un peche estable (composta por elementos móbiles e desmontables sen cuberta fixa) como as terrazas cun cerramento fixo, sempre que sexa lixeiro e facilmente desmontable no seu perímetro.

Incluíndo a posibilidade de tarimas, o mobiliario debe ser resistente, de calidade, seguro e harmonizado entre si e co entorno, con elementos separadores e garantindo sempre un espazo mínimo libre para o paso dos peóns. No caso de terrazas con cerramentos de sinxelo desmontaxe, estarán permitidas en rúas anchas e incluso se recolle a posibilidade de instalar mesas en zona de estacionamento de vehículos.

A tenente de alcalde e concelleira de Seguridade indicou ante os concelleiros e concelleiras que a ordenanza simplifica os trámites administrativos nas solicitudes, como por exemplo coa prórroga automática do permiso, condicionado ao cumprimento das condicións establecidas. A ordenanza resultou aprobada inicialmente cos votos a favor do grupo do goberno de Vigo e do concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, e á abstención dos edís de Marea e PP. A norma pasará agora a exposición pública, antes da súa volta ao Pleno para a validación definitiva.