APAMP celebra o seu 45 aniversario coa inauguración do mural de cerámica “Malas Herbas”

O mural foi elaborado polos artistas David Diz e Aram Rios e supón unha homenaxe a poeta Pilar Álvarez

APAMP (Asociación de familias e persoas con parálise cerebral) inaugura, con motivo da celebración do seu 45 aniversario, o mural de cerámica “Malas Herbas” elaborado nun dos seus obradoiros polos artistas David Díz e Aram Ríos. O mural será ubicado na rúa Miguel Hernández, nº1, diante do centro de día e ocupacional.

O acto, que terá lugar o vindeiro martes ás 12.30 horas, consistirá nunha homenaxe a poeta Pilar Álvarez, seguido dun pequeno recital de poesía da man das poetas galegas Míriam Ferradáns e Carmen Quinteiro.

O mural “Malas herbas”,  reivindica esas herbas que nacen en cada esquina, baixo as pedras, que trepan polos valados, sen orde, que sempre están aí,  sen importar o día o mes, o ano. Esas malas herbas que se aferran ao chan con forza, plantas salvaxes, que nacen onde lles prace, que se adaptan ao medio e sempre encontran o xeito de saír da terra e esténdense sen presa, pero sen pausa. E aquí é onde nós vemos identificados como colectivo, como persoas que viven erguéndose cada día. Reivindicamos a súa, a nosa beleza natural, a beleza non programada, a beleza imprevisible, poñendo en valor a riqueza e a diversidade que existe na nosa contorna sen que a apreciemos realmente.

Esas malas herbas, convértense nun bo símil coa exclusión social, coa discapacidade. Malas herbas que están aí,  que son molestas, que se arrancan ou se ignoran. Queremos que se vexa a súa beleza, queremos pór en valor a súa dignidade e a súa presenza na sociedade.