Ángeles Vázquez pon en valor a viticultura como aliado clave contra o cambio climático e referente na aposta pola sostibilidade

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asistiu hoxe á clausura da IX Festa do viño espumoso da D.O. Rías Baixas

Tras lembrar que a Denominación de Orixe Rías Baixas é a máis grande de Galicia e unha das máis antigas, convida á entidade a unirse á Alianza galega polo clima para sumar a súa experiencia e compromiso coa terra e a paisaxe á loita contra o quecemento global

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o papel que ten a viticultura na loita contra o cambio climático xa que se trata dun aliado clave para facer fronte aos seus efectos a curto e medio prazo e dunha actividade económica de referencia en Galicia pola súa aposta pola sostibilidade.

Durante a clausura da IX Festa do viño espumoso da Denominación de Orixe Rías Baixas que se celebrou en Salvaterra do Miño, Ángeles Vázquez salientou o recoñecemento a nivel nacional e internacional do compromiso deste sector co medio ambiente.

Así, indicou que na viticultura se combinan “tradición e modernidade”, contribuíndo de xeito directo coa súa actividade á redución da pegada de carbono, á protección dos solos contra a erosión, á preservación da biodiversidade, á protección e conservación da paisaxe tradicional e tamén á fixación de poboación no medio rural.

No marco deste compromiso coa sostibilidade e o respecto á contorna a vicepresidenta tivo un recoñecemento especial aos máis de 5.000 viticultores galegos que traballan na produción de viños de Rías Baixas, e, en especial, aos do Condado do Tea, responsables dos espumosos que hoxe se deron cita en Salvaterra do Miño. Por iso, tras lembrar que a D.O. Rías Baixas é a máis grande de Galicia, tanto en extensión como en número de adegas, e tamén unha das máis antigas, convidou á entidade a unirse á Alianza galega polo clima para sumar a súa experiencia e o seu compromiso co planeta á loita contra o quecemento global, unha invitación que fixo extensible tamén ao resto de denominacións de orixe galegas.