Anfaco e UVigo alíanse para reducir a dependencia da industria conserveira dos combustibles fósiles

Avaliarán o uso de tecnoloxías emerxentes como a indución, os ultrasóns ou o quecemento óhmico

Galicia é a primeira industria conserveira de Europa e a segunda do mundo, representando este sector preto do 3% do PIB autonómico e o 0,15% a nivel estatal. A saúde deste ámbito segue a ser moi boa e, a pesar da pandemia, a súa facturación estatal aumentou nun 5%. Pero as fontes de enerxía térmica que emprega principalmente este sector son os combustibles fósiles, como el fueloil, o gasóleo e o gas natural, altamente contaminantes, xa que o seu uso representa o 80% das emisións de dióxido de carbono a nivel global. De feito, case a metade da enerxía que consumen estas empresas procede deste tipo de combustibles fósiles e o gasto enerxético anual é duns 80 millóns de euros. 

Para afrontar unha transición enerxética neste sector, a Universidade de Vigo e Anfaco-Cecopesca acaban de poñer en marcha o proxecto DES.CO2, unha iniciativa seleccionada dentro da convocatoria de axudas a agrupacións de entidades que realicen proxectos de investimento e reforma en materia de investigación para o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e o equilibrio da cadea de comercialización no sector pesqueiro e da acuicultura no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, con fondos Next Generation da EU. O proxecto terá unha duración 26 meses e un orzamento total de 650.257€, dos cales 590.480€ son subvencionados.

O obxectivo principal do proxecto, no que está implicado o grupo de investigación Applied Power Electronics Technology da UVigo, é avaliar en diferentes prototipos de procesado de produtos primarios do mar distintas tecnoloxías emerxentes que permitan reducir o consumo de combustibles fósiles nos procesos térmicos na industria conserveira, como a cocción e a esterilización. Para iso implementaranse diferentes tecnoloxías, en concreto indución, quecemento óhmico e ultrasóns, para a xeración de enerxía térmica e cuantificaranse os aforros enerxéticos e o impacto ambiental e hídrico con respecto a tecnoloxías térmicas tradicionais. 

Tres tecnoloxías innovadoras e disruptivas

O proxecto DES.CO2 avaliará o uso de tres tecnoloxías emerxentes e disruptivas para reducir os consumos enerxéticos e avanzar na electrificación de procesos a partir de fontes de enerxía renovable. Por unha banda, avaliarán  a viabilidade da indución, un sistema de quecemento sen contacto baseado en electromagnetismo que consigue unha maior eficiencia e máis seguridade, e non precisa ciclo de quecemento-arrefriamento. Ten vantaxes sobre os sistemas convencionais, como resistencia, auga quente, gas ou vapor, xa que ao non precisar contacto é moi eficiente e o calor xérase dentro do sistema que o consume. Isto significa quentamento directo da superficie do metal sen inercia térmica e sen perdas por condución. 

Pola súa banda, tamén traballarán cos ultrasóns, ondas sonoras cunha frecuencia moi superior á percibida polo oído humano. O uso desta tecnoloxía no proceso de cocción xera unha maior retención de humidade dos produtos tratados á vez que unha maior eficiencia enerxética, optimizando os tratamentos térmicos convencionais.

A terceira alternativa que avaliarán será o quentamento óhmico, unha tecnoloxía en expansión na industria alimentaria, que permite a posibilidade que quentar materiais a través dun proceso interno de xeración de calor, é dicir, a enerxía atravesa o alimento para quentalo á vez por dentro e por fóra. Ademais, non quenta o medio que rodea o alimento e  aproveita mellor a enerxía empregada. Deste xeito convértese nun dos métodos máis eficientes en aplicacións térmicas e supón unha alternativa interesante para o procesado de alimentos ao favorecer un quecemento homoxéneo.

Resultados transferibles

Esta non é a primeira vez que Anfaco-Cecopesca e o grupo Applied Power Electronics Technology colaboran nun proxecto destas características. Anteriormente ambas entidades participaron na Unidade Mixta de Investigación Anfaco-Jealsa, Fábrica del Futuro, financiada pola Xunta de Galicia para a realización de probas experimentais con quecemento óhmico.

Dende Anfaco destacan que os resultados que se poidan obter no marco deste proxecto poderán ser «exportables» a empresas de alimentación doutros eidos que empregan os mesmos equipos que as conserveiras,  como por exemplo a industria láctea. Máis aló, tamén agardan que poidan ter aplicacións no sector aeronáutico, que é intensivo en procesos térmicos de autoclave para fibras de carbono e ‘composites’.