Anfaco-Cecopesca e Ecimat confirman a viabilidade de producir semente de mexillón en criadeiro

O proxecto Musselgo, liderado pola Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados y Mariscos (Anfaco-Cecopesca) en colaboración coa Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) da Universidade de Vigo, confirmou a viabilidade de producir semente de mexillón en criadeiro. Logo de ano e medio de traballo, o proxecto concluíu as derradeiras experiencias de produción sostible de semente de mexillón en criadeiro, “mellorando os puntos críticos” do cultivo, como a calidade nutricional de microalgas secas e valorando metodoloxías de colleita e concentración.

Segundo Anfaco-Cecopesca, o traballo desenvolvido permitiu perfeccionar o acondicionamento dos reprodutores de mexillón para estandarizar a calidade das postas e a supervivencia larvaria, ademais de optimizar a metodoloxía de crioconservación de larvas. “Este proxecto confirma a viabilidade de producir semente de mexillón en criadeiro, ademais de demostrar que é posible empregar unicamente dietas microalgais deshidratadas para alimentar a semente, o que permite simplificar o proceso de cultivo”, sinala a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados y Mariscos.

Con esta alimentación, destacan desde Anfaco-Cecopesca, a semente de mexillón acada taxas de supervivencia e unha talla de 1,2 milímetros aos 60 días de idade, un valor comparable ao obtido cando se alimenta con microalgas frescas producidas no propio criadeiro. Neste intre, estase a estudar o custo da produción da semente en criadeiro en función das condición de cultivo utilizadas.

Cara un subministro estable de semente

“Os resultados deste proxecto permitirán avanzar cara un subministro estable de semente de mexillón, reducir o impacto ambiental sobre os ecosistemas rochosos intermareais e diminuír os conflitos con outras actividades económicas”, sinala a Asociación, que como obxectivo a curto prazo pretende completar estes estudos na seguinte etapa de cultivo, o de crecemento da semente nas bateas.

O proxecto Musselgo desenvolveuse con axudas da Consellería do Mar e cofinanciamento do Fondo Europeo Marítimo y de Pesca da UE.