A candidata nacionalista pide á xente moza «inconformista e rebelde» ser «o motor do cambio galego» optando por unha muller presidenta cunha mobilización masiva da man do BNG
A candidata á Presidencia, Ana Pontón, mantivo un encontro con xente moza en Vigo á que convidou a ser o “motor do cambio galego» cunha mobilización masiva nas urnas este 12 de xullo, «collendo a papeleta do BNG» e facendo que, «por primeira vez, Calicia teña unha muller e unha nacionalista presidenta».
“Pídolle á mocidade que sexa o motor do cambio galego porque estou convencida que se a mocidade inconformista, rebelde que non se resigna a ver como lle rouban o seu futuro se mobiliza nas urnas, imos ter un cambio galego e imos facer historia conseguindo que por primeira vez Galicia teña unha muller á fronte da Presidencia, que teña un goberno liderado polo BNG que servirá para que a mocidade saia da precariedade e da emigración á que a conduciron as políticas do PP”, salientou a nacionalista.
Pontón agradeceu o apoio da xente nova á candidatura do BNG. “Somos a candidatura que máis apoio desperta entre a xente moza, somos a candidatura da mocidade”, insistiu, “e queremos ser tamén o goberno que consiga que os mozos e as mozas non teñan que seguir emigrando ou precarizados, por contra, queremos que teñan confianza no futuro porque unha mocidade desesperanzada é o maior fracaso que podemos ter como sociedade, hai que darlle oportunidades, que se sintan orgullosos e orgullosas nesta terra”, salientou
Neste sentido, e ante medio cento de mozos e mozas, Pontón apuntou as principias medidas que recolle e Bloque no seu programa de Goberno para a mocidade, centrándose naquelas que afectan ao binomio traballo-vivenda.
Así, en materia laboral, o BNG recolle a posta en marcha dun plan de emprego para a mocidade que conceda un papel especial a inserción laboral da xente moza nos sectores estratéxicos da economía, e permita tamén de paso a renovación xeracional do capital humano neses sectores.
No que respecta ao acceso a unha vivenda como porta a emancipación da xente moza, o programa do Bloque inclúe a posta en funcionamento dun banco de vivenda pública para administrar e xestionar vivenda baleira con vistas a súa disposición en alugueiro, con perspectiva social, a prezos asequibles que poda pagar a xente nova.
“Quero liderar un Goberno que poña no centro da súa acción política a defensa do dereito a un emprego digno e a unha vivenda”, concluíu.

