Ana Pontón propón unha Mesa galega da Automoción para abordar os retos normativos e tecnolóxicos do sector

A candidata no encontro de hoxe con traballadores do sector.

Tarifa eléctrica galega, formación para adaptarse a industria 4.0, plan industrial e combater a deslocalización, entre as medidas adiantadas en Vigo pola candidato do BNG á Xunta

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, desprazouse hoxe a Vigo onde mantivo unha xuntanza con representantes dos traballadores do sector da automoción, no que tamén participou o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, e o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas.

No encontro, Pontón destacou o carácter “estratéxico” do sector como “motor de desenvolvemento económico de Vigo e área de influencia”, pero tamén alertou contra “ás incertezas” derivadas dos cambios tecnolóxicos e normativos que o sector debe prever e encarar para non naufragar. A líder nacionalista deixou claro que o programa de goberno do BNG fai unha aposta sen ambaxes polo sector da automoción, con medidas concretas para encarar os retos de futuro.

O sector está nun proceso de cambios acelerados que lle impactan de cheo como a desaparición do diésel e hai que prepararse e anticiparse tendo en conta tamén a lexislación que se está poñendo en marcha. A automoción é un elemento clave na economía de Galicia e ten que prepararse e modernizarse para encarar con solvencia o futuro e, neste, sentido presentamos medidas de goberno”, explicou tras o encontro.

Entre as propostas destacadas pola candidata do Bloque, a posta en marcha duna Mesa galega da automoción, integrada polas tres universidades galegas, o actual clúster empresarial (CEAGA) e as centrais sindicais, “para deseñar as liñas de futuro do sector que teñen que ter unha aposta clara pola I+D+i, por mellorar a competitividade e por adaptarse ao novo escenario”, explicou.

Igualmente, a creación dunha tarifa eléctrica galega “á que se poidan acoller as empresas para que os recursos enerxéticos do país sirvan para dar vantaxes competitivas tamén a este sector, unha tarifa que xa ten Euskadi e que lle permiten aforrar millóns de euros cada ano as súas empresas electrointensivas”, alegou.

Entre as medidas de goberno, o BNG inclúea poñer en marcha un Plan de formación profesional que prepare profesionais para a chamada industria 4.0 e permita atender as necesidades de contar con persoal cualificado e atender á demanda e emprego do sector. E ao mesmo, tempo, resaltou Pontón, hai que reverter a crecente “precarización” das condicións laborais do sector.

Medidas todas que se completan co deseño dun Plan galego para a industria da automoción, no que a I+D+i xogue un papel decisivo.

Pontón fixo referencia a unha das cuestións que máis preocupa ao sector, como é a deslocalización cara o país veciño Portugal. Neste sentido, a candidata á Presidencia apuntou a unha lei específica para combater a fuga de empresas, tanto pola vía dos incentivos, como pola vía de recuperación de calquera axuda pública que tivese recibido, así como vincular as subvencións a creación e mantemento do emprego.

Peso no PIB e no emprego

O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, insistiu no carácter estratéxico do sector como demostran os datos, tanto polo seu peso no PIB como no emprego, 9.699 M€ de movemento económico e case 25.000 postos de traballo. Subliñou que ante as incertezas compre procurar que a crise “sirva para acelerar unha serie de cambios que estaban pendentes e adaptarse á nova realidade da demanda no ámbito do automóbil”.

En canto a propostas concretas, a primeira pasaría pola intervención pública en empresas estratéxicas e tamén por que os fondos de axudas estean condicionados ao mantemento do emprego e a localización das empresas en Galiza. Igualmente, camiñar cara unha especialización “que permita unha transformación da industria cara a vehículos de maior valor engadido e tamén menos contaminantes para facer fronte ao cambio climático, por exemplo, eléctricos e híbridos que son o futuro, sen desbotar os automáticos”.

Por último, Bará nomeou a necesidade dun pacto para garantir a conservación dos dereitos laborais de traballadoras vigueses e de toda Galicia, “para que esta crise non se resolva cunha nova perda de dereitos e degradación das condicións laborais que é o proceso que se estivo a producir nos últimos anos polas reformas laborais aprobadas polo PSOE e o PP e para as que o BNG defende a derrogación”.