Ana Pontón: “O meu compromiso é liderar un goberno capaz de prender o motor económico do país”

Presenta en Vigo unha estratexia baseada na transición a un modelo verde, na aposta pola I+D+i, e por recuperar o rural

A candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, visitou Vigo para explicar as liñas estratéxicas para reactivar a economía: “Podemos ser a envexa de Europa se poñemos en marcha unha estratexia que nos permita producir, xerar riqueza e emprego».

“O obxectivo desta estratexia é prender o motor económico de Galicia para erguer este país e saír da crise e, ao mesmo tempo, poñer as bases da economía do futuro desde a confianza no noso potencial. E para iso non valen as vellas receitas, nin repetir fórmulas fracasadas, senón ideas que partan da nosa realidade cun proxecto autocentrado e modernizador ”, explicou Pontón.

“Pasa por unha economía verde; pola investigación e a ciencia como elementos centrais porque sen I+D+i non hai futuro; pola reindustrialización do país: naval, automoción, electrointensivas; por impulsar os sectores produtivos primarios tanto a pesca, -no que somos unha potencia-, e o sector agrogandeiro, -porque os países avanzados teñen unha agricultura forte-; e pola recuperación do rural, porque é unha inmensa fonte de riqueza e tamén en aras do reequilibrio territorial. Galiza ten dúas almas e non se entende sen as dúas”, explicou.

En definitiva, sintetizou, “unha estratexia económica de futuro, con perspectiva a curto e medio prazo, que meta a Galiza de cheo no século XXI cun proxecto modernizador e autocentrado e, sobre todo, da man dun Goberno que confíe no país”.