Desde Vigo pide unha gran mobilización e sumar no Bloque todo o voto do cambio galego para darlle ao país un goberno leal liderado por unha muller nacionalista e feminista
A candidata á Presidencia, Ana Pontón, pediu desde Vigo votar o 12X “con ilusión, con esperanza e desde o orgullo” rachando coa rutina. “Este domingo Galiza vai facer historia da man do BNG”, proclamou, tras apelar a unha mobilización masiva na urnas concentrado na candidatura que lidera o voto do cambio galego, “o voto nacionalista, galeguista, progresista, todo o voto de país”.
“Se toda as persoas que queremos abrir un tempo novo expresamos ese desexo nas urnas, o cambio galego é imparable e conseguiremos algo tan revolucionario como darlle a Galiza un goberno leal co país, un goberno leal coa xente deste país liderado, por primeira vez, por unha muller na Presidencia”, recalcou.
Pontón fixo un chamamento a “conquistar o futuro, porque non podemos deixar que nolo sigan roubando”, e para iso urxe contar na Xunta cun goberno liderado polo BNG “que se faga valer, que mire polo noso, que en Vigo chámase sector da automoción, naval, sector pesqueiro, un goberno que poña en marcha un proxecto de país autocentrado e modernizador, que aposte por unha economía verde, pola ciencia e a investigación”.
A candidata do BNG tamén deixou claro que o seu será o goberno da “igualdade real” para as mulleres e que colocará “ás persoas no centro da actuación política”, o que implica unha defensa a ultranza dos servizos públicos, traballando desde o primeiro día para reverter recortes e privatizacións, e polo coidado dos maiores, cun modelo asistencial público que garanta o dereito a unha vellez digna.

