Ana Pastor: “Para o PP as políticas sociais son clave, porque só a través da plena integración conseguirase a política útil”

“España non se pode permitir o erro de continuar co sanchismo. Este país necesita un Goberno centrado nos interese xerais, na boa xestión e no obxectivo de unir á sociedade, e ese Goberno só o pode ofrecer o Partido Popular”, salientou en Vigo a candidata ao Congreso do PP

A candidata ao Congreso, Ana Pastor, visitou este mediodía a radio de Apamp, a Asociación de familias de persoas con parálise cerebral, na súa sede de Navia. Alí foi entrevistada por mozas e mozos aos que lle agradeceu o grande recibimento, ao tempo que puxo en valor toda a importante labor que están facendo as familias desde esta asociación viguesa.

Acompañada pola candidata ao Senado, Pepa Pardo, a secretaria xeral do PP provincial, Luisa Piñeiro, e a presidenta local do PP de Vigo, Marta Fernández-Tapias, Ana Pastor subliñou que “nesta radio social estas mozas e mozos demostran que están ao nivel, ou aínda máis, dos grandes entrevistadores e xornalistas”, e por iso agradeceu que fagan posible “que tantas persoas vos vexan con tanta admiración e saiban que as persoas con capacidades diferentes tampouco teñen barreiras”.

Pastor sinalou que é fundamental que as persoas que teñen responsabilidades políticas “traballemos para garantir a plena integración, para que poidades alcanzar as vosas ilusións e as vosas metas. Grazas por ser exemplo de traballo e de forza diaria”. Ademais, amosouse orgullosa de comezar en Apamp a precampaña na cidade de Vigo: “para o PP as políticas sociais son clave para que unha sociedade se poida mirar no espello, son clave porque só a través da plena integración de todas as persoas conseguirase a política en maiúsculas, a política útil”.

Con respecto á campaña, a popular dixo que “hoxe tamén estamos aquí para explicar aos vigueses que outra política é posible, que se pode facer política sen confrontar, que se poden aprobar leis que non teñan como fin dividir á sociedade, que se poden gobernar con sentido de estado e que se pode facer política sen mentir”.

Así, destacou que “defendemos e seguiremos defendendo no Congreso os intereses de todos os vigueses. Traballaremos polo progreso desta grande cidade, por todas esas oportunidades que necesitan tantas persoas”. Un progreso que, engadiu, pasa por impulsar o desenvolvemento da economía local, do emprego, da industria, para que haxa oportunidades para todos.

Por último, recordou que “España non se pode permitir o erro de continuar co sanchismo. Este país necesita un Goberno centrado nos interese xerais, na boa xestión e no obxectivo de unir á sociedade, e ese Goberno só o pode ofrecer o Partido Popular”. Así, salientou que “é o momento de deixar atrás o radicalismo, a mala política, a división e a confrontación. E para iso queremos contar con todos vós, con miles de mulleres e homes, vigueses que aman esta grande cidade e que queren o mellor para o futuro de Vigo”.