Ana Ortiz salienta o alto valor da iniciativa social e pedagóxica da Orquestra Son das Flores do CEIP Vicente Risco que recibirá o título de vigués distinguido

A delegada territorial da Xunta visita o centro educativo tras ser elixido para o galardón a proposta do PP de Vigo

“O proxecto do colexio vigués é un exemplo de integración, respecto e tolerancia”, sinalou

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este venres o Colexio CEIP Vicente Risco de Vigo para felicitar á Orquestra Son das Flores que recibirá o vindeiro martes o galardón de Vigués Distinguido a proposta do Partido Popular de Vigo.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Nunha visita na que tamén estivo presente o secretario de Estado de Xuventude e Infancia, Rubén Pérez, a representante autonómica puido felicitar aos nenos que integran o proxecto e aos profesores e directivos do centro polo galardón.

“A iniciativa do colexio vigués ten un alto valor polo seu carácter integrador a través da música, estamos ante un claro exemplo de respecto e tolerancia grazas a un traballo en equipo”, sinalou Ana Ortiz.

Son das Flores naceu no ano 2021 da man da profesora de música do centro Sandra Fernández. Este proxecto musical, social e pedagóxico está composto por 40 rapaces de entre 6 e 12 anos dun total de 14 nacionalidades con seccións de violíns, violas, cellos e contrabaixos. O proxecto, que acolle rapaces en situación de vulnerabilidade, fíxose especialmente coñecido despois do seu paso polo concurso Got Talent no pasado mes de setembro e no que acadaron o voto positivo por unanimidade.