Alfonso Rueda reivindica o aforro de 3.000 € coa gratuidade das matrículas universitarias e a construción de novas residencias: “Seguiremos ofrecendo oportunidades á mocidade”

“Ningunha outra Comunidade pode dicir que as persoas que estuden no ensino público, desde que entran nunha gardería ata que se gradúan na universidade ou elixen a Formación Profesional, poden facelo de xeito gratuíto”, explica

Rueda apunta a un “cheo histórico” mañá no mitin central de campaña que se celebrará na Praza de Touros de Pontevedra

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, incidiu hoxe no seu compromiso de seguir ofrecendo oportunidades á mocidade galega para que poida desempeñar un papel importante nese “esforzo colectivo” que supón a construción “da Galicia que funciona e que queremos construír entre todos”.

Un compromiso que se materializa en medidas como a gratuidade das primeiras matrículas universitarias en todos os graos e en todos os cursos. Unha medida que Rueda considera “de xustiza” para corresponder “o esforzo que supón para as familias darlle un futuro aos seus fillos” e “apoiar a todos aqueles que queiran estudar e formarse crendo na cultura do esforzo”.

“Ningunha outra Comunidade pode dicir que as persoas que estuden no ensino público, desde que entran nunha gardería ata que se gradúan na universidade ou elixen a Formación Profesional, poden facelo de xeito gratuíto se fan o esforzo corresponde te ao que fai a sociedade galego para apoialos”, engadiu diante dos universitarios que asistiron ao encontro celebrado no claustro do Pazo de Fonseca.

As matrículas gratuítas, que implicarán un aforro de case 3.000 euros, súmanse a outras medidas xa aplicadas como a conxelación das taxas universitarias  e a outro dos compromisos de Alfonso Rueda cos galegos de cara ao 18 de febreiro: a construción de novas residencias universitarias.

Neste sentido manifestou ser consciente do problema que supón para moitos estudantes non ter un lugar para vivir nas cidades onde están estudando. De aí a súa aposta por “seguir ofrecendo oportunidades a todo aquel que queira estudar” e para que “o esforzo dos estudantes se veza acompañado polo esforzo da Administración”.

UN “CHEO HISTÓRICO” NA PRAZA DE TOUROS DE PONTEVEDRA

En declaracións aos medios, Alfonso Rueda falou da “gran mobilización e motivación” que percibe na rúa e que considera un preludio dunha campaña de “gran potencia”. Algo que na súa opinión se palpará mañá no mitin central organizado na Praza de Touros de Pontevedra e no que o presidente do PPdeG estará arroupado polo presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente de honra do PPdeG, Mariano Rajoy. “Imos ter un cheo histórico”, afirmou logo de constatar o grande interese amosado por galegos e galegas das catro provincias por participar neste acto que xa é unha tradición das campañas electorais do PPdeG desde 2009.