Alfonso Rueda presenta máis de 7.000 avais de afiliados para presidir o PPdeG

Subliña que “este partido serve a Galicia e eu seguirei nesa liña en todo o proceso; cando o facemos así, os galegos confían en nós”

Alfonso Rueda presentou esta mañá ante a Comisión Organizadora do Congreso máis de 7.000 apoios de afiliados das catro provinciais que avalan a súa candidatura para presidir o Partido Popular de Galicia.

Rueda amosou aos afiliados o seu agradecemento “por darme o seu apoio, por crer que son o indicado, por amosar o seu compromiso e porque temos un Camiño a seguir”. Isto, indicou, “é o que temos por diante. Temos a Galicia, a referencia, a prioridade. Temos un Camiño, que é ofrecer unha política útil. E temos un Camiño a seguir: manter a unidade, a estabilidade e a xestión destes anos”.

Para o candidato cada un dos avais é unha responsabilidade, e evidencia que o partido “ten fame”, pero tamén supón “unha motivación para seguir sendo o partido de Galicia”. Nesta liña, sostén que “máis alá de min, este partido amosa que está ilusionado, enchufado e comprometido”.

Di que “no PP non convocamos congresos para elixir bando, senón para saír máis unidos e ilusionados”. E por iso, engade, “estamos nas cousas que importan aos galegos. A  prioridade é a transición na Xunta, que está garantida gracias á normalidade e estabilidade. E o mesmo faremos no PPdeG. Este partido serve a Galicia e eu seguirei nesa liña en todo o proceso. Cando o facemos así, os galegos confían en nós”.

Unha vez que a COC valide os apoios presentados, Rueda comezará este sábado en Lugo a campaña interna coa que vai percorrer as catro provicias. Unha campaña na que vai falar e compartir as súas propostas, “pero sobre todo vou escoitar, conversar, tomar nota e incorporar as achegas ao proxecto”.