Marta Fernández-Tapias pide aos vigueses que voten ao PP, porque “vale por tres: para abrir unha páxina de futuro en Vigo, para cambiar dunha vez a Deputación e para que volva o sentidiño con Feijóo na Moncloa”
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou onte nun mitin en Cabral que en Vigo se respiran ganas de cambio e que os novos aires que necesita a cidade só poden vir da man do PP e dunha candidata como Marta Fernández-Tapias, da que destacou a súa perseveranza e a súa capacidade para denunciar problemas e propoñer solucións.
Dirixíndose aos vigueses que non confiaron no PP nas últimas municipais pero si o fixeron cando o que estaba en xogo era o futuro de Galicia, o presidente do PPdeG afirmou que todos eles son necesarios para que a Comunidade siga avanzando e Vigo sexa a súa locomotora. Concluíu neste sentido que Galicia non pode prosperar sen Vigo e Vigo tampouco pode avanzar contra o resto de Galicia, e que por iso é necesario aunar os votos no PP e na candidatura de Marta Fernández-Tapias para recuperar unha cidade aberta, orgullosa, próspera e sen complexos.
Exercendo o voto, engadiu, «os vigueses poderán dicir basta a esa política personalista que oculta as dificultades dos veciños, que despreza a quen non pensa igual, que se enfronta por sistema a outras administracións e que cre que todo vale con tal de seguir un día máis no poder».
Neste sentido, o líder do PPdeG aproveitou a súa presenza ante a veciñanza de Cabral para pedir o voto útil ao PP e que así no Vigo do futuro as parroquias sexan protagonistas, asegurando que só con Marta como alcaldesa deixarán de estar abandonadas.
Neste sentido sinalou que para os populares non existe un Vigo de primeira e un Vigo de segunda, senón unha única cidade, urbana e rural, na que caben todos; e engadiu que se sente orgulloso do seu partido por que é o único que pensa nas parroquias das grandes urbes.
A este respecto afirmou querer un Vigo no que estas cousas deixen de pasar e no que os proxectos bos e útiles para a xente saian adiante, impulse quen os impulse; para o cal aposta por menos ‘el’ e máis ‘todos’.
O líder dos populares galegos aproveitou a súa intervención para volver a denunciar os incumprimentos do Goberno central coa cidade, referíndose nomeadamente á Saída Sur, á chegada do AVE, á transferencia da AP-9, aos fondos europeos e á alta tensión que precisa Stellantis.
«Un Vigo máis coidado, máis verde, máis conectado e con máis oportunidades no rural»
Pola súa banda, a presidenta do PP de Vigo e candidata á alcaldía destacou que as parroquias viguesas levan “16 anos abandonadas” mentres o candidato socialista e actual alcalde “se dedica a pasear” por Mos, por Redondela, por Porriño ou polo Morrazo.
Tapias sinalou que o PP “é o partido de todo Vigo, do Vigo rural e do urbano, das parroquias e do centro, dos núcleos e dos barrios, de todo Vigo, e iso ten que amosarse nas urnas o 28 de maio”.
“Quedan sete días para votar que Vigo queremos para os próximos catro anos e no PP temos clara a resposta: queremos un Vigo máis coidado, queremos un Vigo máis verde, máis conectado e con máis oportunidades no rural”, sinalou.
Ademais, engadiu que o PSOE leva toda a campaña “fuxindo” e mencionou o feito de que non quere falar cos traballadores de Vitrasa e non comparece en actos que tiña previstos, como en Bembrive, San Miguel ou Matamá.
Durante a súa intervención, a presidenta dos populares tamén destacou que os vigueses contan co Goberno central más “ratificador” da historia, en relación ás veces que prometeron o AVE, a Alta Tensión para Stellantis ou a Saída Sur.
A candidata pediu aos vigueses que voten ao PP, porque é o partido do “sentidiño, a xestión e a política útil, o que baixa impostos, crea emprego e mellora servizos, somos o PP centrado de Rueda e Feijóo”.
“Vigo non é un nicho de votos para que o PSOE poida seguir gobernando para a minoría, Vigo non é dunha persoa, nin dun presidente ni dun alcalde, Vigo só ten un protagonista: os 300.000 vigueses”, engadiu.

