Alfonso Rueda: “Debemos recordar á xente que cada voto ao candidato socialista de Vigo é un voto a favor de Pedro Sánchez e da súa política”

Marta Fernández-Tapias comprometeuse a convencer aos vigueses e a lograr o seu apoio coa axuda dun partido unido, comprometido coa cidade e implicado ao máximo

O presidente do PPdeG animou aos populares vigueses a “ser valentes” e a “seguir traballando” ante a “enorme oportunidade” que supoñen as eleccións municipais do 28 de maio: “Queremos mellorar e sabemos que é posible”

Reivindicou a “motivación” e a “forza” da candidatura de Marta Fernández-Tapias e neste sentido mostrouse convencido de que isto se trasladará ao seu equipo e á cidadanía: “A xente quere que falemos do importante e non vivamos instalados nunha confrontación constante”

“Mentres se fai populismo e se repiten mentiras que nunca se converten en verdade, non se fala nin de Stellantis, nin do fracaso do Perte do automóbil, nin de por que temos que seguir esperando a que cheguen a Galicia os fondos europeos que si se lle conceden a outras comunidades, nin de por que se promete a Saída Sur pero non se lle consignan os orzamento preciso para facela realidade”, remarcou o líder dos populares galegos ao tempo que reivindicaba que “a Xunta é a administración que máis inviste en Vigo”

En clave electoral, Alfonso Rueda quixo recordar que “cada voto ao PSOE nas eleccións municipais é un voto a Pedro Sánchez, polo que votar ao candidato socialista en Vigo supón referendar a súa política”

O presidente do PPdeG afirmou que as eleccións municipais son “a primeira etapa para as eleccións xerais” e mostrouse optimista ante as posibilidades que se presentan para a formación: “En 2011 o escenario era o mesmo e conseguimos un gran resultado nas municipais e logo nas xerais. Xa o conseguimos e volveremos facelo”

MARTA FERNÁNDEZ-TAPIAS: “DEBEMOS TRABALLAR CON GANAS E FORZA”

A presidenta do PP de Vigo e candidata á alcaldía, Marta Fernández-Tapias, puxo o cronómetro en conta atrás e sinalou: “Enfrontámonos a un reto difícil pero non imposible, polo que debemos traballar con ganas e forza, evitando caer nas provocacións”

Neste sentido apuntou que son moitas as persoas que están descontentas coa situación actual na cidade: “A ninguén se lle escapa o que está a pasar e cada vez son máis as voces críticas que piden un cambio de políticas e actitudes”

Fernández-Tapias fixo balance da actividade do partido nos últimos meses, nos que se visitaron parroquias, se mantiveron reunións con colectivos representativos da cidade e se organizaron encontros con veciños e paseos, demostrando así a intensidade coa que arrancaron os populares vigueses este ano electoral

A máxima representante do Partido Popular na cidade compartiu coa Xunta Local os tres obxectivos que marcan o seu liderado e que pasan indiscutiblemente por manter un partido “forte e unido, no que todos remen na mesma dirección”

Como candidata comprometeuse a convencer aos vigueses e a lograr o seu apoio coa axuda dun partido unido, comprometido coa cidade e implicado ao máximo

Deixou claro que non vai renunciar a unha das súas máximas, a de seguir ensanchando as bases do partido para que “cada vez sexan máis os vigueses que se sintan identificados coa nosa formación na cidade e orgullosos do que representa o Partido Popular”