Alfonso Rueda comprométese a facer gratuítos os primeiros gastos veterinarios para as persoas que adopten e a poñer en marcha un centro autonómico de acollida de mascotas

“Queremos seguir traballando para estender entre os galegos o bo hábito de ter unha mascota e, ao mesmo tempo, apoiar e aprender a todos os profesionais que garanten o benestar destes animais”, asegura o presidente

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, amosou hoxe o seu compromiso de facilitar a adopción de animais ofrecendo gratis as primeiras vacinas e a implantación do microchip e mediante a posta en marcha dun centro autonómico de acollida de animais.

Así mesmo, ao igual que no seu día o líder dos populares galegos anunciara a creación de parques caninos nas sete cidades, o programa electoral do PPdeG inclúe ademais a proposta de ampliar o seu número e estendelos tamén aos concellos de máis de 20.000 habitantes.

“Os galegos queren ter animais e queren coidalos e atendelos nas mellores condicións”, afirmou Rueda destacando que a día de hoxe un de cada tres galegos ten dada de alta unha mascota e apostando por unha Administración que sexa partícipe desta realidade e ofreza facilidades en materia regulatoria.

Salientou neste sentido que Galicia foi a primeira comunidade en aprobar unha Lei de Benestar Animal que se compromete a desenvolver para “darlle seguridade de todo tipo a quen ten un mascota e tamén a todos os profesionais no ámbito da medicina veterinaria e do comercio de produtos de coidado e alimentación”.

“Queremos seguir traballando para estender entre os galegos o bo hábito de ter unha mascota e, ao mesmo tempo, apoiar e aprender a todos os profesionais que garanten o benestar destes animais”, subliñou durante a visita realizada á Clínica Veterinaria Canis de Ponteareas acompañado pola alcaldesa Nava Castro, a candidata pola provincia de Pontevedra Raquel Plana, a tamén candidata pola Coruña Ánxeles Vázquez e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López.