Alfonso Rueda comprométese a construír novas residencias xuvenís e a crear seis novos Espazos Xoves nas cidades galegas

A proposta de Novas Xeracións de Galicia, tamén estarán incluídas no programa electoral outras medidas como un plan de promoción da saúde mental entre a xuventude, un programa de primeira experiencia na empresa e novas axudas para que a mocidade alugue vivendas

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, comprometeuse coa mocidade galega a construír novas residencias xuvenís autonómicas e a crear seis novos Espazos Xoves nas cidades da Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Vigo —Ourense é a única que conta con un—.

Coa primeira medida incrementaríase o actual milleiro de prazas en residencias autonómicas, ás que habería que sumar as que xa teñen as universidades galegas. De xeito que máis estudantes universitarios e de Formación Profesional poderán ter na próxima lexislatura aloxamento e comida a tarifas económicas e, segundo apuntou Rueda, con toda a dignidade que merecen.

No que se refire aos Espazos Xoves, o presidente afirmou ser consciente da falta de espazo de encontro para pasar o tempo, aprender e divertirse co que a mocidade se atopa en moitas ocasións. De aí que, coa posta en marcha destes novos espazos, o PPdeG pretenda poñer o seu gran de area para solucionar esta situación. Estas instalacións sumaranse ás 12 existentes, un deles localizado na cidade de Ourense.

Alfonso Rueda anunciou ademais que no programa electoral que se presentará mañá irán incluídas tamén tres peticións que lle trasladou a presidenta de Novas Xeracións de Galicia en nome desta organización xuvenil: un plan de promoción da saúde mental entre a xuventude, un programa de primeira experiencia na empresa e novas axudas para que a mocidade alugue vivendas.

Deste xeito, o proxecto do PPdeG levará o selo da mocidade galega e, se revalida a confianza maioritaria de Galicia, velará para que as súas prioridades sexan tamén as do Goberno galego. Porque, segundo subliñou o líder dos populares galegos, o gran desafío de Galicia é ser capaz de crear novas oportunidades para unha mocidade que chega pisando forte.

Selo da mocidade

Ante unha audiencia de medio millar de mozos e mozas, Alfonso Rueda dirixiuse a todos eles como pai de dúas representantes da “xeración Z” que é consciente das diferencias que separan a esta xeración da dos “boomers”, pero tamén dos elementos de unión entre ambas. Xa que, na súa opinión, as inquedanzas duns e outros son igual de lexítimas, as súas ideas igual de debatibles e as súas preocupacións igualmente importantes á hora de ser atendidas.

Unha actitude que contrasta coa de aqueles partidos aos que lles gustaría que toda a xente nova pensase o mesmo e votase o mesmo. “Equivócanse”, asegurou o presidente e candidato do PPdeG reivindicando a orgullosa liberdade da mocidade galega que fala no idioma que quere, ama como quere, ten as ideas que quere e confía no partido que quere.

Nesta liña pediu a todos os asistentes ao acto que desconfíen de todos os políticos que queiran converterse nos representantes únicos da mocidade, que pretendan ter a autoridade para decidir que se pode ou non pensar, e que se apropien da voz da xuventude en lugar de escoitala. Porque, concluíu Rueda, non respecta máis á mocidade quen máis fala no seu nome, senón quen mellor comprende a diversidade que os fai únicos.

O líder dos populares galegos é consciente dos moitos atrancos que a xuventude se atopa para prosperar, emanciparse e vivir a súa propia vida; por iso reivindicou o orgullo de que Galicia estea no bo camiño no que se refire á equidade do seu sistema educativo, á redución do abandono escolar e o incremento do número de mozas e mozas menores de 30 que atopan traballo. Tamén puxo en valor iniciativas como o Xuventude Mentoring ou o Mentoring na Empresa que facilitan a inserción laboral e o acceso ao primeiro emprego de mozas e mozos con estudos superiores.

Datos esperanzadores polos que, explicou, hai que seguir traballando e de aí o seu compromiso de implantar a gratuidade das primeiras matrículas universitarias en todos os cursos e graos. Así como ofrecer máis apoios ao emprendemento e a quen queira formar unha familia, ademais de axudas para acceder a un fogar digno.

Rueda rematou a súa intervención subliñando que, fronte ao multipartito do ‘non’ a todo, a mocidade galega poderá sempre contar cun PPdeG que quere construír de xeito conxunto un futuro mellor no que os protagonistas sexan os mozos e mozas galegos e para que ninguén roube a voz de Galicia e da súa xuventude.