Almuiña amosou a súa aspiración de acadar un “Concello aberto aos veciños” e unha aposta clara por “un urbanismo ao servizo da cidadanía” mediante a creación de novas vivendas e a rehabilitación das existentes, especialmente para as familias mozas
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou onte no acto de presentación da candidatura de Jesús Vázquez Almuiña, que non hai ninguén mellor que este e o seu equipo para recuperar a vontade da maioría dos veciños en Baiona, poñendo en valor a estabilidade, a solvencia e a vontade de servizo público que caracteriza a candidatura do PP neste concello.
Rueda quixo poñer en valor o balance xestor do candidato, cualificándoo como un dos políticos en activo con máis traxectoria en Galicia e destacando que, aínda podendo renunciar a asumir novos retos, preferiu escoller Baiona para que a vila recupere o tempo perdido.
Neste sentido, remarcou que a candidatura de Almuiña é a «gran alternativa», xa que ofrece «experiencia fronte á improvisación, progreso fronte ao atraso e a política útil fronte á política estéril». Así, definiu ao PP como «un partido que se dedica unicamente aos seus concellos e aos seus veciños fronte a un PSOE que só funciona co único propósito de salvar a cadeira a Pedro Sánchez na Moncloa e un BNG que vive das críticas e do non permanente a todo».
Pola súa banda, o candidato quixo expresar o seu agradecemento aos actuais concelleiros “especialmente ao voceiro Ángel Rodal” e ao seu novo equipo, ao que definiu como “un grupo valente, xeneroso e cunha vocación clara de servizo público para atender as necesidades dos veciños”.
Almuiña destacou como liñas básicas do seu programa a estratexia da economía azul sostible, a potenciación do turismo, a pesca e o marisqueo, o comercio, a hostalaría e o emprego de calidade; así como a mellora de infraestruturas básicas: educativas, deportivas, humanizacións…
O cabeza de lista do PP de Baiona amosou a súa aspiración de acadar un “Concello aberto aos veciños” e unha aposta clara por “un urbanismo ao servizo da cidadanía” mediante a creación de novas vivendas e a rehabilitación das existentes, especialmente para as familias mozas.

