Un conto no que as obras de arte das coleccións ABANCA e Afundación son parada obrigada, unha homenaxe ao Calero poeta na voz de nenas e nenos, un encontro conducido por Estíbaliz Espinosa e unha curta de animación en 2D sobre a vida e importancia dun home fundamental para Galicia e a lingua galega
Afundación en casa conmemora o domingo 17 de maio o Día das Letras Galegas que hogano homenaxea a figura de Ricardo Carvalho Calero, un polifacético intelectual cuxo legado é un dos máis extensos do noso acervo literario, tanto no eido da creación como da crítica.
Na sección de Educación en casa, Afundación presenta os diferentes materiais, tanto escritos coma audiovisuais, organizados co gallo desta celebración. Un conto creado pola Área Educativa de Afundación invita todos os lectores a percorrer algúns do recunchos fundamentais na vida do escritor ferrolán. Ademais, certas pezas de arte das colección de ABANCA e Afundación serán imprescindibles para compoñer un completo retrato de Carvalho Calero. Por outra parte, a partir de dous poemas seleccionados, nenas e nenos participan en diversos vídeos lendo algunhas das estrofas escolmadas.
Entre estes pequenos participantes atópase o bisneto do autor. Está tamén dispoñible unha pequena curtametraxe na que se condensa, mediante recreacións en 2D, a importancia de Carvalho Calero para o patrimonio cultural galego. Por outra banda, e desde unha visión de continuidade, esta sección de Afundación en casa recolle o primeiro vídeo dunha serie protagonizada pola poeta Estíbaliz Espinosa en que se poñerán en valor as moi diferentes figuras galegas promotoras do uso do galegos en todos os ámbitos de comunicación e todas as áreas de coñecemento. O primeiro capítulo desta serie está dedicado a Ricardo Carvalho Calero e a súa decida aposta pola plena normalización lingüística.

