AFAGA organiza o encontro divulgativo “Pódese previr o Alzheimer” no Museo MARCO de Vigo

A charla  gratuíta será impartida pola neuropsicóloga Nina Gramunt Fombuena, experta en formación e divulgación da Fundación Pasqual Maragall, este xoves 19 de setembro ás 19:00 h

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) organiza este xoves 19 de setembro, ás 19:00 h, no Museo MARCO de Vigo, un encontro divulgativo e de sensibilización, co lema ‘Pódese previr o Alzheimer’. A charla, gratuíta ata completar aforo, será impartida pola neuropsicóloga Nina Gramunt Fombuena, experta en formación e divulgación da Fundación Pasqual Maragall, entidade coa que AFAGA mantén un acordo de colaboración, e está dirixida a toda a poboación interesada, pero especialmente a familiares e persoas coidadoras de pacientes con Alzheimer.

Entre outros temas, Nina Gramunt abordará durante a súa intervención como, a pesar de descoñecerse a causa e as orixes da enfermidade,  pódese influír na súa prevención e nas súas peores consecuencias, actuando sobre algúns dos múltiples factores de risco, que a ciencia identifica previamente nas persoas. Un de cada tres casos de Alzheimer podería previrse mediante a adopción de hábitos de vida saudables. Gramunt dará a coñecer ademais os últimos avances da investigación en Alzheimer, tanto en detección precoz como en tratamentos, e responderá as preguntas do público, resolvendo as dúbidas que poidan xurdir sobre o tema.

Estímase que en España existen máis de 900.000 persoas que sofren Alzheimer e outras demencias, cifra que podería duplicarse nos próximos vinte anos. Dous de cada tres persoas teñen ou tiveron na súa contorna a alguén diagnosticado con esta enfermidade e estímase que o 80 % das persoas con Alzheimer son coidadas na súa contorna familiar.

Esta xornada divulgativa forma parte das actividades previstas por AFAGA durante toda esta semana, con motivo da celebración do Día Mundial do Alzheimer, o vindeiro sábado 21 de setembro, e encádrase ademais no programa de actos polo seu 30 aniversario como asociación ao servizo de pacientes e familiares.

A Fundación Pasqual Maragall (FPM) ten a súa sede en Barcelona, dentro do Campus da Ciutadella da Universitat Pompeu Fabra, onde tamén opera o seu centro de investigación biomédica e de solucións innovadoras, o Barcelonaßeta Brain Research Center (BBRC).

Sobre AFAGA

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), fundada en Vigo hai 30 anos, é unha entidade sen ánimo de lucro que realiza diferentes actividades para mellorar a calidade de vida das persoas con Alzheimer e outras demencias e a dos seus familiares. Ofrece información, asesoramento e orientación e busca achegar a realidade destas doenzas a entidades públicas e privadas, para dar resposta ás demandas do colectivo que representa, ademais de colaborar nas investigacións que se realizan sobre as demencias neurodexenerativas. En 2023, atendeu a 3.263 persoas, das que 451 eran persoas usuarias con demencia e 776 participantes en programas de prevención da deterioración, en 30 localizacións de 14 concellos da provincia de Pontevedra.