AETRAVI entrega unha viaxe para dúas persoas como premio da súa campaña de Nadal

A gañadora do sorteo recibiu hoxe o galardón nun acto coa participación da delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e do presidente de AETRAVI, Iván Iglesias

O Centro Comercial Aberto As Travesas (AETRAVI) fixo entrega hoxe do premio da súa campaña de Nadal “No Nadal merca nas Travesas”, unha iniciativa de dinamización comercial impulsada para incentivar as compras no comercio de proximidade durante as festas.

A gañadora recibiu o premio principal do sorteo, unha viaxe para dúas persoas ás cidades imperiais, de Marrakech a Fez, nun acto celebrado na tenda Kekos (Av. das Camelias, 141, Vigo) no que participaron Ana Ortiz, delegada da Xunta de Galicia en Vigo, e Iván Iglesias, presidente de AETRAVI.

Unha campaña para premiar a fidelidade e impulsar o comercio local

A campaña desenvolveuse entre o 15 de decembro de 2025 e o 5 de xaneiro de 2026, ambos incluídos, e permitiu a participación da clientela a través da aplicación móbil TRAVI-TRAVI, na que as persoas consumidoras puideron rexistrar as súas compras e subir os seus tíckets para entrar no sorteo.

Para participar foi necesario realizar unha compra mínima de 30 euros nalgún dos establecementos adheridos e completar o rexistro na aplicación, achegando a imaxe do tícket ou factura correspondente.

Desde AETRAVI destacan que esta acción “axuda a reforzar o atractivo comercial do barrio nun dos períodos máis importantes do ano”, ao tempo que “premia a fidelidade da clientela e impulsa o uso de ferramentas dixitais para achegar o comercio á veciñanza”.

Apoio institucional ao comercio de proximidade

A campaña estivo cofinanciada pola Xunta de Galicia, no marco do seu apoio continuado ao tecido comercial de proximidade, poñendo en valor o papel do pequeno comercio como motor económico e social dos barrios e contou coa colaboración do Concello de Vigo.